«O premio é estar con Alan Silvestri»

HÉctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

FIRMAS

PRADERO

O compositor galego David Alonso Garzón compite nos Hollywood Music in Media Awards, que se fallan mañá, co autor da banda sonora do filme «Forrest Gump»

04 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Non conta gañar, pero dáse por pagado con figurar na listaxe de nominados dos Hollywood Music in Media Awards 2014, que se fallan mañá. «O verdadeiro premio, unha marabilla, é estar con Alan Silvestri», quen ademais é o gran favorito para David Alonso Garzón (1978), que di que a vitoria para el xa foi que o seu nome «aparecera na información da revista Hollywood Reporter ao lado destes monstros». Refírese ao propio Silvestri (creador das bandas sonoras de Regreso ao futuro ou Forrest Gump), a Bear McCreary (nominado pola serie de piratas Black Sails e autor das músicas de Battlestar Gallactica e The Walking Dead), Brian Tyler e Robert Grand (por Sleepy Hollow) ou o prestixioso Max Richter (discípulo de Luciano Berio). Alonso Garzón compite pola serie alemá Vitro, concibida para cinco tempadas de dez capítulos e dirixida por Juliane Block, realizadora que, cunha especie de capítulo piloto en man, trata este días de acadar financiamento en EE.UU., no American Film Market, para desenvolvela obra porque as televisións europeas non se vían capaces de asumir unha produción de ciencia ficción posapocalíptica pensada ca ambición de Game of Thrones.

Este músico coruñés está afincado en Lugo, cidade na que ten a casa onde reside e dende a que traballa, vía Internet, para filmes producidos en calquera parte do mundo. Alemaña, Catar, EE.UU., Canadá, Omán... «Se traballo é grazas a Facebook, como plataforma na que visibilizo o que fago, e despois o labor diario o desenvolvo a través de Skype, Vimeo e WhatsApp. É o que hai, hoxe en España non compoño nada. É moi triste, pero nin para unha curta». Por iso é tan importante estar entre os finalistas destes premios, «para cruzar o charco», como promoción dentro do mercado estadounidense, «onde están os cartos e o mercado», e para estreitar contactos cos produtores, cineastas e os supervisores de música dos grandes estudos.

Hai algún tempo deixou o seu traballo como comercial dunha firma de tornillos e agora dedícase a tempo total á música, «que empeza a pagalas facturas», e que compatibiliza coas tarefas de amo de casa e do coidado dos seus dous pequenos. É o seu gran momento de inflexión profesional: coa cooperativa CollabFeature acaba de rematar o filme Train Station, con Block ten unha cinta en proxecto (Savage Blood), tamén está na longametraxe Remembering Ada, que comezará a rodarse en Filipinas. «É moi duro chegar, pero empezo a ver a luz ao final do túnel», celebra Alonso para admitir que sen a paciencia e o soldo da súa muller este longo camiño (o dos primeiros traballos de balde ou pagados en precario) non tería sido posible.