«O meu combate é agora cultural, desde a asociación Terra de Outes»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

Apoia os movementos para distinguir a Fabeiro e Agrelo coas Letras Galegas

18 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai vilas que sobordan cultura e, dentro delas, espazos eruditos por excelencia. É o caso de Noia e da súa Tasca Típica, un establecemento hostaleiro que veu nacer e medrar a grandes literatos. Este ambiente de sabedoría, letras e rimas que se respira entre as pétreas paredes do local e tamén nos seus exteriores deixou engaiolado hai anos a Xoán Mariño e, aínda que recoñece que hoxe en día non o frecuenta, segue a ser o seu recuncho preferido. Por unha banda, «pola beleza do espazo físico en si», pero sobre todo, polos recordos do pasado: «Alí tiven moitas horas de conversa con Pepe Agrelo, Xocas ou Manuel Hermida».

Polos nomes dos tertulianos, é sinxelo adiviñar os temas daquelas longas conversas: «Estando Avilés e Agrelo, inevitablemente falábase de historia, de literatura, de proxectos nacionalistas, do futuro de Galicia». Daquela semente brotou o Xoán Mariño político, unha faceta que rematou, polo menos de forma activa, hai xa anos: «O meu combate é agora cultural, desde a asociación Terra de Outes». Colectivo este que se fundou tralo afundimento do Prestige: «Empezamos para expresar indignación e logo quixemos manter o espírito do Nunca Máis por se ocorría outro suceso similar. Como, afortunadamente, non aconteceu, a vida cultural enche de contido a entidade».

A organización de exposicións, a publicación dunha revista, a colaboración co Concello no certame Poeta Añón e o desenvolvemento dunhas xornadas sobre o patrimonio son as propostas máis destacadas desta agrupación. Mariño e os seus colaboradores gozan espallando a cultura e o pobo de Outes responde: «Estou satisfeito porque cando levamos a cabo actos importantes, como pode ser a conmemoración do aniversario de Añón, enchemos a casa de cultura. O noso traballo non cae no baleiro e iso énchenos de ledicia».

Dilema persoal

Como nacionalistas que é, Xoán Mariño non dubida en sinalar a defensa do patrimonio, da cultura e da lingua como parte fundamental para protexer a identidade galega. E neste movemento en favor de Galicia sitúa a un daqueles tertulianos cos que compartía as conversas na Tasca Típica, a Xosé Agrelo. Sobre o movemento que hai en marcha para dedicarlle as Letras Galegas do 2017, amosa con rotundidade o seu apoio: «É unha persoa que o merece. Fixo moito por Outes, onde exerceu de mestre. Lembro unha vez que veu coa súa compañía, Candea, para recadar fondos para a capela do Santiaguiño. Sempre que se lle pediu algo, sempre se ofreceu a axudar».

Pero Xoán Mariño enfróntase a un gran dilema, pois tamén está totalmente a favor da outra iniciativa que hai en Barbanza para que Manuel Fabeiro reciba o mesmo recoñecemento o ano anterior, no 2016: «A nivel persoal estou dividido, porque penso que Fabeiro leva tempo merecéndose esa distinción. Por antigüidade, creo que debería tocarlle antes que a Agrelo».

Brotes verdes

O feito de que nestes intres se fale na comarca de Noia de dous escritores merecedores de seren distinguidos co Día das Letras confirma que esta é terra de creadores: «Desde moi antigo hai un bo campo de cultivo en Noia, que dá os seus froitos, non só na literatura, senón tamén na pintura e na escultura».

Como mestre que é no instituto Virxe do Mar, Xoán Mariño coñece ben ás novas xeracións que marcarán o futuro da vila. Fala delas de xeito positivo: «Van agromando novos talentos. No Virxe do Mar sae xente que pode chegar a ter renome. Creo que se pode manter a tradición». Quizais, dentro dunhas décadas, se estean barallando novamente varios nomes da bisbarra noiesa para as Letras Galegas.

xoán mariño