Un liberal en Ribeira. Manuel Acuña Malvar

La Voz

FIRMAS

Aínda que naceu no seo dunha ilustre familia de Salcedo en 1757, este cóengo compostelán foi párroco de Carreira e o señor do pazo de La Soledad, na Conlleira. Home de profundas ideas liberais, cóengo en 1792, arcediago do Salnés en 1795, foi un dos heroes da Guerra da Independencia, pois participou na reconquista de Vigo e Tui aos franceses. Defendeu as súas teses progresistas no xornal El Ciudadano por la Constitución e estivo preso en épocas absolutistas, sufrindo tamén exilio. Retirouse da vida política aos 80 anos e, en 1845, faleceu no pazo de Ribeira. Publicou varios folletos polémicos sempre en defensa do liberalismo como Censura o impugnación de los sucesos militares de Galicia en el año 1809, que ha dado á luz en diciembre de 1811 el Coronel D. Manuel García del Barrio (Cádiz, 1812); Oficio que ha pasado el señor canónigo D. Manuel Acuña y Malvar, en 31 de marzo de 1813, al Excmo. Sr. Marqués de Campo Sagrado, comandante general y jefe superior de Galicia (Santiago, 1813), onde lle lembra ao marqués o deber de cumprir o decreto que obrigaba a disolver a Inquisición. Tamén en 1813 publica un durísimo folleto contra o cabido da catedral compostelá: La constitución violada y mala fe guardada. Isidoro Millán González-Pardo cría que era Acuña Malvar o autor da maioría dos folletos liberais escritos en lingua galega de 1820 a 1837, pero Carballo Calero atribúellos a outro liberal amigo de Acuña Malvar, Antonio Rúa Figueroa. Fose como for, Acuña Malvar estivo sempre co liberalismo, a prol da liberdade de prensa e contra a Inquisición. Acertadamente Carlos García Bayón, cualificábao de «vello liberal», que descansa no pazo de La Soledad, pois alí, na capela, xacen os seus restos.