Considera que de non haber aumentado a matrícula o centro podería haber desaparecido
07 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Comeza a conta atrás para a volta ás aulas. Un novo curso académico que virá marcado pola entrada en vigor da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) que se aplicará en primeiro, terceiro e quinto de Primaria e que suporá unha fase de adaptación tanto para profesorado coma para os alumnos que aproveitan os últimos días de vacacións. E namentras os colexios dos pobos e vilas presentan listas ateigadas de matrículas, os do rural logran manterse pero con disponibilidade de prazas. Isabel Couso Carballude (Campo- Bermés, Lalín) leva quince anos ao fronte da dirección dun centro enclavado no rural, o Varela Buxán de Cercio (Lalín), ao que chegou despois de estar en Corbillón (Cambados), Moaña e Tomiño.
-Tantos anos de profesión ás costas dá para moito...
-Xa cumprín 36 anos traballando cos nenos e podo decir que traballei arreo pero tamén disfrutei, aprendín e sigo aprendendo moito con eles. Son filla de labregos humildes e de familia numerosa xa que son a sexta de oito irmáns. Aprendín as primeiras letras na escola da parroquia, en Bermés, a aos 11 anos marchei para o colexio das Doroteas en Pontevedra e alí preparei o ingreso e estudei o bacharelato grazas ás becas que todos os anos disfrutaba polas boas notas e pola escasez de recursos familiares.
-¿Cursou Maxisterio por pura vocación?
-Despois de estudar o COU no Instituto Feminino Valle Inclán fúnme á Escola de Maxisterio de Pontevedra non tanto por unha cuestión vocacional, malia que me gustaban os nenos, senón porque con Enfermeiría era a única carreira que se podía estudar en Pontevedra. Completei os meus estudos na Universidade Nacional de Educación a Distancia facendo Pedagoxía mentras traballaba.
-A piques de abrirense ás portas do colexio lalinense para este novo curso, ¿como se atopan as instalacións?
-En boas condicións interiormente porque Luis, o bedel do centro, vai arranxando as pequenas cousas que se deterioran e este verán pintou as cancelas e vallas exteriores e o interior do colexio, incluso tamén a cociña e o comedor. O que precisaba sería un cambio de cuberta ao ser moi antiga a actual. Carece de illamento e con frecuencia hai goteiras.
-A Anpa de Cercio puxo en marcha anos atrás unha campaña encamiñada a captar novos alumnos. Foron pioneiros na zona nunha iniciativa que secundarían otros centros do rural, ¿que significou?
-Foi unha campaña que deu como resultado o aumento de alumnos no colexio de Cercio, en especial no tramo de idade de Educación Infantil, pois de non ser así estaríamos falando seguramente estaríamos a falar da súa desaparición.
-¿Cre que mandar os rapaces a centros educativos no rural é ventaxoso?
-Creo que as ventaxas son bastantes para estes alumnos. Nos colexios do rural é máis doado motivar aos nenos porque estamos rodeados de plantas de todo tipo: árbores, arbustos, herbas, fragas, carballeiras, soutos de castiñeiros, bidueiras, piñeirais e incluso eucaliptais, que desexariamos non ter. Animaliños para estudar: chicharras, grilos, formigas, aves, explotaciones de gando vacún, ovellas,... Á beira do colexio temos incluso unha serra de madeira para ver como se empezan a transformar as materias primas en produtos elaborados. Hai igrexiñas románicas para estudar o arte e dende os nosos ventanais vemos unhas moi fermosas paisaxes: aí están as serras do Faro e do Farelo e os vales que se expanden aos seus pés cheos de pradeiras e casas de aldea, cruzados por pequenos regatos e polo río Arnego; ao que podemos achegarnos a pé para estudar a súa flora e fauna. Sobran ventaxas para estudar no rural.
«Precisamos dun cambio de cuberta ao ser antiga, sen illar e propiciar
as goteiras»
Isabel Couso Carballude