-¿Que problemas lastran o traballo dos profesionais do mar?
-Vexo desvantaxes da flota galega con respecto a outras. Tendo unha gran forza, como é case o 90 % da flota de artes menores, temos como moito o 20 % de cota, que a partir do 2015 baixará ao 17,5 %. Ademais das cotas, un problema gravísimo é o dos impostos que pagamos directamente pero que son indirectos. Exemplo, abonamos unha taxa de faros á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao para pagar o déficit de Sasemar e, a maiores, Sasemar aumentou as súas tarifas nun 1.000 %. Ata agora, a través dun prezo especial para o sector, cobrábache desde que a lancha te collía ata que te deixaba no porto. E agora cobra por minuto de operativo, é dicir, dende que a embarcación arranca ata que apaga.
-Máis cargas impositivas...
-A Xunta desde hai moito tempo ten unha taxa de artes e aparellos. Revisábase cada cinco anos ou cando cambiabas algo no barco. Critiquei esa medida porque me parecía inxusta. Nos tempos que corren, ter unha taxa que nunca se cobrou e que agora se empezou a cobrar, pois... A resposta que se me deu foi que fora cousa de Facenda, que revisou todas as leis e aquelas que tiñan unha taxa obrigou a cumprilas ou a sacalas. Non só non a sacaron, senón que este ano a triplicaron ou a cuadriplicaron. Falamos de que temos que ter chalecos de autoinflado, que dixemos desde o principio que eran inservibles. Agora viñeron con traxes de auga de Inditex, obrígannos a meter balsas salvavidas e radiobalizas e despois Capitanía exime a algunhas embarcacións... Sen embargo, hai outras cousas que queremos que nos aumenten e non o fan. Queremos que a nosa cotización á Seguridade Social poida ser como a dos autónomos, ter unha base mínima e que cada un cotice o que queira. Vascos, cataláns e outros, con embarcacións de terceira lista, cotizan 200 e pico de euros máis ao mes. Enviamos o acordo de todo Lugo, pero nada.
-¿E o furtivismo?
-Temos pouco problema, pero moi gordo. Levamos anos pelexando porque o furtivismo sexa considerado delito.