«Queremos aproximar os nosos servizos a persoas do Ensanche»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

GONZALO IGLESIAS

Presentou a actividade que realizan á nova edila de Servizos Sociais

21 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

No escaso mes e medio de mandato, o goberno local coñece progresivamente a realidade e as aspiracións de diversas asociacións de Compostela. A edila de Servizos Sociais, María José Corral, recibiu onte a Isabel Gey, a presidenta da Asociación Galega para Axuda das Persoas con Demencia tipo Alzhéimer (Agadea), unha entidade que traballa na cidade desde 1994 e ten estreito contacto coas familias e co colectivo de doentes que asiste, para quen ofrece servizos con persoal especializado.

-¿Como valora este primeiro contacto co novo goberno local?

-Foi unha reunión interesante, na que a nova concelleira coñeceu os servizos que ofrecemos en Agadea. A colaboración que nos presta o Concello é moi importante para nós, e queremos que se manteña e, de haber posibilidade, que se incremente.

-¿Que aspiracións teñen para que se incremente?

-Queremos aproximar os nosos servizos a persoas do Ensanche, pois nesa zona residen moitas das familias que atendemos. Tamén favorecería poder axudar máis a xente xubilada que está ben, para retardar o seu deterioro. Pretendemos conseguir ese obxectivo nos próximos meses.

-¿Manteñen a idea de participar na xestión do edificio construído pola Asociación de Esclerose Múltiple?

-Tamén falamos dese asunto, que se abordará nunha próxima reunión. Ese é outro proxecto moi importante para o colectivo de Agadea.

-¿Por que é importante?

-Porque nese edificio, que está case finalizado en Salgueiriños, poderíamos incrementar moitos servizos: de rehabilitación, centro de día, mesmo habilitar prazas para estadas temporais. Ten moitas posibilidades, é necesario e confiamos que se poda concretar o seu uso.

-¿Teñen moita demanda de servizos neste verán?

-En agosto está pechada a Casa das Asociacións de Benestar Social (Cabes) do Concello e por iso suspendemos a actividade na primeira metade do mes. Esta semana xa reiniciamos a asistencia ás persoas que atendemos, porque hai familias que traballan e que o necesitaban. Atendemos dous grupos, nas nosas propias instalacións. Outras persoas usuarias están aínda de descanso coas súas familias.

-¿É positivo para unha persoa con demencia saír da súa actividade habitual?

-É positivo que podan estar máis coa súa familia, que ten maior dispoñibilidade de tempo para as atender que cando traballan a as levan ás nosas actividades. A maioría van á aldea, e iso tamén está ben. A única contrapartida é que interrompen as rutinas dos coidados que lles ofrece o noso persoal.

-¿Cando reinician a actividade normal e para cantos grupos?

-O 1 de setembro xa ofreceremos con normalidade todas as nosas atencións: teremos un grupo para servizo de prevención, que antes se coñecía como deterioro cognitivo lixeiro, no centro sociocultural de Vite, polas mañás; e dous grupos no Cabes, un pola mañá e outro pola tarde, de catro horas cada un, de estimulación cognitiva.

-¿Teñen lista de espera?

-En Santiago agora mesmo non. Para Agadea foi moi importante que a Fundación Barrié concedese bolsas para axudar a algunhas persoas con menos recursos para que asistan a terapias.

isabel gey presidenta da asociación agadea de axuda a doentes con alzhéimer

«Esta semana xa reiniciamos a atención a dous grupos, hai familias que o necesitaban»