«O Ollomol é unha función teatral para todos os públicos»

antón parada / m.?x.?b. RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

MARCOS CREO

Manexa a batuta do grupo que debutou na Festa da Chuvia e no Rock and Dorna, e xa é a promesa musical de Ribeira

06 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Coma un alegre condenado a morte, cando sube o derradeiro chanzo do escenario e se enfunda o seu característico sombreiro, Nando Pérez desaparece e no seu lugar xorde Chamaquito Pistolas. O seu alter ego mexicano é o actor principal dunha obra en tres actos, chamada O Ollomol. Ábrese o telón.

-¿Cando contacta coa música?

-Con cinco anos comecei con algún acorde na guitarra, meu pai foi músico. Aos oito entrei no conservatorio coa percusión e con dez paseime ao clarinete. No último ano do grao medio, un profesor díxome que non valía para a música e deixeino. O conservatorio, claro.

-¿Como alistou aos membros?

-Como en calquera crebacabezas, necesitas as pezas. Buscaba xente que encaixara no estilo que tiña na cabeza. Con Juancho Pérez e Carlos Mariño xa tocara nos Salmóns, o antecedente deste grupo. O pianista e o batería, Miguel Hermo e Pepe Hombre, son amigos meus de sempre. Agora Chin Blanco collerá as baquetas.

-¿De que está feito este peixe?

-Somos rock, country, jazz, vals. Estamos feitos de Billie Holliday, Calamaro, Nacho Vegas, Sabina, Allman Brothers.

-¿Onde garda as musas?

-Un día estás pelando patacas, venche unha letra á cabeza e tes que correr a apuntala. O importante é que a letra teña mensaxe, eu para facer cancións de outros ou non dicir nada, non faría isto.

-¿Hai crítica dende a sombra?

-Gústame xogar coas metáforas e os dobres sentidos, non son moi directas. Son letras para ler, non só para escoitar: «Hoxe estamos no tempo de ter que escoller, entre perdela vida ou velos caer».

-¿Para quen son as butacas?

-O Ollomol é unha función teatral para todos os públicos. Para todo o que a queira entender, aínda que todo o mundo a entenda. Buscamos que a xente cando marche do concerto se vaia pensando, que non quede indiferente.

-¿Que supón a música?

-É a forma de entender a vida e todo o que iso conleva. A música significa renunciar a unha vida estándar: traballo fixo, estabilidade. É sacrificio a cambio de ser libre no escenario.

-A sensación de tocar na Dorna...

-Poder tocar ante tanta xente, nun escenario desas dimensións, no noso segundo concerto, foi unha experiencia incrible.

-¿Algún traballo gravado?

-Temos un EP de cinco cortes que leva o nome do grupo. Gravámolo na Casita Records, onde ensaiamos. A mestura foi a cargo de Tomás e o máster por Dr. Chou. Agora estamos preparando un LP de doce temas que gravaremos contra final de ano.

-Se olla para Ribeira, ¿que ve?

-Moito potencial malgastado. Boto en falla que compoñan temas propios. Sempre as mesmas versións dos mesmos grupos.

-Referente internacional, estatal e galego.

-Tom Waits, Pucho de Vetusta Morla e Ataque Escampe.

-¿Soñou ser algún heroe?

-Miles Davis, Keith Richards. ¿Un? Miles Richards.

nando pérez fernández Músico