«Este ano esperamos propor para un título a uns 800 estudantes»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

ESTRELA ALONSO

O centro pasou de só uns 300 alumnos hai anos, a 5.427 no último curso

06 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O IES San Clemente é o centro de ensino de Santiago que tivo unha maior transformación: de escolarizar apenas 300 estudantes só de FP hai uns anos, o último curso tivo 5.427 Ese crecemento é debido á incorporación de novos estudos de bacharelato e secundaria a distancia, nos anos 2001 e 2002. En outubro, Carmen Viñas completa unha década como directora, aínda que antes foi tamén secretaria do instituto.

-¿Como foron os resultados do San Clemente este último curso?

-En ciclos de FP tivemos 722 estudantes e propuxemos 73 para títulos; en bacharelato a distancia, 2.670 e 124; na ESO a distancia, 1.340 e 251; na proba libre da ESO, de 405 inscritos aprobaron 43; e na proba libre de bacharelato, de 290 estudantes que se matricularon só 3 conseguiron aprobar para obter o título. Propuxemos en xuño para títulos a 494 estudantes. E entre quen aproben estudos a distancia en setembro, e quen finalicen as prácticas en centros de traballo, este ano esperamos propor para un título a uns 750 ou 800 estudantes, que é unha cifra moi relevante.

-¿Como valora a experiencia de incorporar o ensino a distancia?

-Moi boa. Eses estudos contribúen a que un número moi importante de persoas cada ano consigan un título importante para o seu futuro. Hai que ter en conta que moitas delas estaban á marxe do sistema educativo ordinario había moito tempo. Recibimos moitos correos para agradecer a atención que se lles prestou, ou o apoio da aula virtual para a súa preparación. Iso para nós é unha satisfacción.

-¿Prevén que continúe a aumentar a matrícula a distancia?

-Aumentou a demanda desde que comezou a oferta. Sobre todo nos anos do inicio da crise e os seguintes, en que se matricularon moitas persoas desempregadas. Os dous últimos anos está estabilizada, este último mesmo notamos un lixeiro descenso. Tamén influíu que se convocasen probas libres para conseguir eses títulos, pois se están matriculados no noso centro non se poden presentar á proba libre.

-¿Como é que nas probas libres houbo tan poucos aprobados?

-Influíron moito dous factores: moito alumnado que se matriculou non se presentou, así na proba libre de bacharelato de 290 só se presentaron 107; e tamén mudou o modelo de proba, e os centros onde se preparan descoñecían en que ía consistir, de aí que non viñesen tan ben preparados. Porén, o certo é que esas probas libres nos restaron matrícula aos estudos telemáticos.

-¿Influíron moito no descenso?

-Por exemplo, na secundaria a distancia no primeiro cuadrimestre tivemos 839 estudantes, e no segundo só 501; ese descenso é de alumnado que non se matriculou, para poder ir á proba libre.Quizá porque moito alumnado pensaba que ía ser máis fácil; e este curso non foi así.

-¿Van á selectividade quen aproban bacharelato a distancia?

-Este ano foron 60 e aprobaron por volta do 70 %. Acontece que ese alumnado fai o bacharelato en máis de dous anos, e cando acaban non teñen a visión de conxunto que ten o alumnado do sistema ordinario. Aínda que se comparamos este noso resultado co alumnado de ensino de adultos de Galicia é bo, temos máis do dobre de alumnado aprobado.

-¿Prevén crecer nos estudos de Informática?

-O próximo curso teremos xa a oferta completa en todas as modalidades, ordinaria, modular e a distancia, e con moita demanda en todas. E este último curso un alumno do noso centro, Fidel Ferreiros, conseguiu de novo o premio extraordinario galego da familia de Informática.

CARMEN VIÑAS DIRECTORA DO IES SAN CLEMENTE

«O próximo curso teremos xa a oferta completa en todas as modalidades de Informática»