«Unha praza do libro sen libros era algo que non se podía permitir»

FIRMAS

MARCOS MÍGUEZ

Cando se decataron de que Couceiro pechaba, decidiron tomar as rendas

01 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A praza do Libro non vai quedar sen libros. Neli Dacosme Abollo (Vigo, 1975) e Marta Moar Placer (A Coruña, 1975) estarán, a partires de mañá, ao fronte da libraría Couceiro. Máis que continuístas co legado de Pepe e Carmiña, que tamén, son as nosas heroínas, salvadoras de librarías en apuros.

-¿Como xurde a idea de poñervos ao fronte da libraría Couceiro?

-[Neli Dacosme] Eu xa era clienta, era a miña libraría de referencia. Miramos pola prensa que se xubilaban e, a partir de aí, foi un pouco en plan loucura. Dixemos, hai que meterse xa.

-[Marta Moar] Si, foi por aproveitar a oportunidade. Non é que estivéramos pensando en montar nada xuntas nin en coller unha libraría. Foi saber que traspasaban Couceiro e decidir miralo.

-Daquela, semella que houbo mais sentimentalismo que emprendedurismo.

-[M.M.] Foi unha mestura de cousas, a oportunidade e a mágoa que nos daba que pechase unha auténtica...

-[N.D.] ...Unha auténtica institución na cidade.

-E que Couceiro foi pioneira na venda en exclusiva de literatura en galego hai 32 anos.

-[M.M.] Por iso vimos aquí.

-[N.D.] Se non fora esta libraría, non a colleriamos.

-E nun lugar como este, a praza do Libro, onde hai nada pechou a outra libraría que había, Nós, precisamente. É todo moi simbólico, ¿non?

-[M.M.] Unha praza do libro sen libros era unha cousa rara.

-[N.D.] Era algo que non se podía permitir.

-Aínda que tal e como está o panorama editorial, sodes atrevidas dabondo. ¿Que vos di a xente?

-[M.M.] A xente di que somos atrevidas, pero tamén hai moita xente que ten un punto de envexa. A min mo parece.

-Porque é bonito o que ides facer.

-[M.M.] Claro, a xente di «que atrevidas» pero tamén «que chulo coller Couceiro, que chulo coller unha libraría...». A sensación é moi positiva.

-[N.D.]: Temos un pouco de todo a nivel sensacións.

-Sensación de tirarvos ao abismo e, por outro lado, de estar facendo algo que vos atrae.

-[N.D.] Uns días sentimos pánico e, outros, tranquilidade [Risas].

-¿Ides facer moitos cambios? Porque moito tempo non tedes. Pepe e Carmiña despedíronse onte e vos xa empezades mañá luns a funcionar.

-[N.D.] E que non queríamos que Couceiro tivese que pechar nin un só día.

-[M.M.] Non imos facer moito cambio. A idea que nós temos é continuísta respecto do que fixeron eles durante todos este anos.

-¿Como se fai o traspaso dunha libraría?

-[M.M.] Estiven aquí todos estes días, con Pepe e Carmiña, aprendendo o negocio, collendo os contactos coas editoriais e absorbendo toda esa sabedoría de hai anos que teñen eles. Tamén aproveitei para saudar aos clientes que, dá a casualidade de que coñezo a moitos deles. Así que o tránsito vai ser máis fácil.

-¿Pensades nun proxecto a longo prazo? ¿Gustaríavos estar tanto tempo como Pepe e Carmiña?

-[N.D.] Eu, de momento, só penso en sobrevivir [Risas]. E, xa soñando, pois si, gustaríame estar aquí tanto tempo coma eles.

-[M.M.] Claro, a idea é a longo prazo.