Emigración próxima

FIRMAS

25 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Confeso que un dos meus soños insatisfeitos é o de ir ó traballo en bicicleta, porque ir ó choio en bici sería a confirmación de que as rúas volverían a ser transitables e que o posto de traballo non ía estar moi lonxe, sen embargo, as estradas en hora punta son un inferno e as fábricas quedan onde cadran. Así que, resignadamente, seguirei collendo o coche e perdendo un bo tempo de alta tensión entre a miña casa e o choio. Pero peor co meu caso aínda é o de tantos veciños das grandes cidades que chegan a empregar horas en desprazarse convertendo as oito do contracto en dez ou doce, sen cobrar nada por tales extras. Compañeiros de Madrid e Barcelona fálanme de ata dúas horas en coche e a paso de tartaruga para chegar da casa á oficina, tendo que erguerse ás cinco da mañá para fichar ás oito e ter tempo de encher o táper con algo comestible para o mediodía. E se aínda a mala sorte fai que teñas un accidente de tráfico tampouco conta como accidente laboral.

Mais este non é un problema exclusivo dos que moran na veciñanza das grandes urbes, o desprazamento da casa ó traballo, sufrindo os atascos das horas punta é algo que na nosa comunidade lle afecta a case un cuarto de millón de persoas, segundo informaba este periódico hai uns días atrás, a maioría delas porque non teñen outro medio ca manter a casa que teñen hipotecada ou a dos pais para non minguar a nómina cunha hipoteca, outras porque a mesma empresa que os contratou no concello onde vivían, agora mudouse a outro con solo industrial máis barato, e outras porque hai que ir a onde dan o pan a ganar. E así, que alguén da Pobra teña que ir a traballar a Ribeira ou ó revés, xa é normal, e incluso que desde a Barbanza teñas que ir a Santiago todos os días do ano e ano tras ano, reservando unha parte da nómina para a gasolina do desprazamento, un bo anaco do tempo libre para viaxar e sempre baixo o acoso dos radares de tráfico por terra e por aire, sen contar os recortes salariais con que se purga á clase traballadora baixo o principio de «se o queres así aí o tes e se non hai vinte para o teu sitio».

Cada vez póñeno máis difícil, e se ben é certo que temos a ilusión de escoller profesión, tamén o é que o traballo é o que nos dan e como nolo dan, e a maldición bíblica de gañar o pan coa suor da fronte, cada vez é máis maldición se lle sumamos o de gañalo cos miolos alterados. Se a todo iso lle engadimos que os centros laborais están preto das grandes urbes e que Galicia está diseminada en milleiros de pequenas aldeas, ó final os que teñen a sorte de traballar na terra, han de deixalo todo para vivir preto de onde hai fábricas, escolas, garderías e centros comerciais, convertendo a casa matriz nunha segunda vivenda e ó traballador nun novo tipo de emigrante, niso que podemos definir como emigración de proximidade por distinguila da de larga distancia, pero igual ca esta obrigándonos a ter dúas facturas da luz, da auga e do catastro, dúas neveiras e unha maleta sempre disposta para volver á casa familiar cada fin de semana (se é posible) para estar coa familia por horas, pero deixando os rendementos salariais nese outro lugar onde fas o teu consumo alomenos cinco de cada sete días, ata converter a aldea, parroquia ou vila de orixe nun asilo de anciáns desatendidos e desabastecidos.

Só hai que meterse terra a dentro para ver a cantidade de aldeas abandonadas que quedan. Á fin reprodúcese aquí o mesmo problema que tiñan os nosos antepasados cando saían polo mundo convertendo as aldeas en fogares de nenos e vellos. Agora só de vellos e só mentres duren.