Como todos os intérpretes de signos, Iria Pérez Abelleira cursou un ciclo superior nesa especialidade. Dende o ano 2006 traballa en centros educativos como persoal laboral da Xunta de Galicia. É unha das seis profesionais que atenden as necesidades específicas dos nenos xordos.
-¿Que é a lingua de signos?
-É unha lingua oral e dun entorno, non é unha lingua universal; en cada país é diferente, non é un esperanto. En España hai lingua de signos en español e catalán e tamén hai signos específicos galegos, pero non toda a lingua.
-¿Como se traballa con nenos xordos na escola?
-Normalmente os nenos chegan á escola sen saber lingua de signos, ás veces por descoñecemento dos pais ou por falta de coordinación na orientación á familia por parte da administración. É a principal dificultade.
-¿Os mestres ven a estes alumnos coma un problema?
-Nunca o percibín así senón que teñen un sentido da responsabilidade maior e tamén incertidume por non saber ben como actuar.
-¿Ó intérprete tócalle exercer tamén de profesor?
-Eu intento ser o máis fiel posible á explicación do profe, pero o labor noso é tamén adaptarse ó nivel interpretativo do alumno; co obxectivo de que entenda tamén se fai ás veces mediación lingüística e cultural.
-¿E de psicólogo?
-En teoría, un intérprete é neutral pero, ó traballar todos os días, créase un vínculo e vaise un cos problemas para á casa. Se traballas nunha asociación, acompañando a persoas xordas ó médico ou a facer xestións, non tes unha relación tan estreita nin continuada, pero nos colexios os nenos contan cousas da súa vida e fano cas persoas que os entenden e, normalmente, eses son os intérpretes.
-¿É suficiente a atención específica?
-O horario faise en función das necesidades de todo o centro e, ademais das clases na aula ordinaria, con todos os compañeiros, estes nenos teñen tamén horas de Apoio e de Audición e Linguaxe. O ideal sería contar con intérprete o maior número posible de horas, non ten por que ser en todas. Débese favorecer a autonomía pero, sempre que haxa comunicación auditiva e contidos ós que non poden acceder, debería haber un intérprete. Os nenos estarían máis integrados se houbese máis intérpretes.
-¿Cantas horas lles ofrecen?
-Teñen cinco horas de clase ó día e están catro sen intérprete e só unha, ou dúas como máximo, con el; debería ser ó revés. Eu aquí teño o horario completo, con seis alumnos en catro clases, pero ás veces un intérprete atende dous centros e iso non é operativo e, por suposto, perxudica ó alumno. Somos persoal laboral itinerante e reubícannos segundo as necesidades.