O lalinense presentou onte a obra coral «27 Negros» no CGAC
17 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Misha Bies Golas (Lalín, 1977) presentou onte no CGAC a súa obra coral "27 Negros", que define coma un «exercicio de estilo sobre un mesmo tema afrontado por vinte e sete frontes».
-¿Como nace a idea?
-Parte dunha peza de Teo Soriano que chegou ás miñas mans cando estaba a desmontar unha exposición na que participou titulada Diálogos improbables, unha iniciativa moi interesante que houbo en Lalín que contou con seis mostras distintas que permanecían en sala soamente dúas horas. A obra era un cadrado negro de vinte por vinte centímetros. É a única que existía previamente ao proxecto e, a partir de aí, fíxenlle a proposta a distintos artistas cos que teño relación de que crearan a súa propia versión seguindo unhas pautas. A idea era tratar unha icona cun carácter case relixioso, entendendo o cadrado negro como o centro da arte paradigmática.
-¿Que pautas debían seguir?
-A proposta partía de dúas premisas: que foran obras de vinte por vinte centímetros e de cor negra. O que tiña claro é que quería facer un proxecto sobre un motivo monocromo e un formato mínimo, pola posibilidade dunha itinerancia da obra. Isto facilitaba que en dúas caixas se puidera meter toda a exposición.
-¿Que é o máis complicado á hora de traballar con 27 artistas?
-Complicado non foi. O que si que hai é que dedicarlle tempo, porque ao haber tanta xente implicada establécese unha correspondencia na que calquera notificación ou cambio implica informar a todos. Polo xeral eu diríxome a eles un a un, sen empregar correos. Despois, ao ser unha obra aberta e cun corpus común, os traballos que ían chegando condicionaban aos que xa estaban e viceversa. Vinte e sete egos cos que traballar é moi enriquecedor e sorprendeume atoparme con pezas moi atípicas dentro do traballo xeral dalgúns autores.
-¿Vinte e sete é un número definitivo?
-No momento no que xurde a posibilidade de mostrar o traballo no CGAC eran vinte e sete os artistas cos que contaba, pero a obra está aberta e pode medrar ou minguar incluso ata a súa disolución.
-¿Se tivera que facer «de negro» para outro artista para quen lle gustaría traballar?
-Calquera dos que colaboraron comigo, por corresponderlles.
misha bies golas artista