Un proxecto que xa é unha realidade

La Voz

FIRMAS

hega a segunda edición dunha proba que naceu o ano pasado e que se quere consolidar coma unha cita deportiva obrigada para os corredores de Galicia en primeiro lugar, e de España nun horizonte máis preto que lonxe.

Probas diste primeiro nivel na nosa comunidade solo se disputan tres, e en tan solo dúas edicións a que se celebra no Barbanza consolida o seu tirón, grazas á organización e sobre todo ao encanto da zona. Ofréceselle de todo aos participantes, e non solo a nivel deportivo, senón ao longo da ruta con avituallamentos cada dez quilómetros e cun amplo despregue de xente naqueles puntos nos que se poida necesitar apoio.

Os participantes poñen non só preparación física imprescindible, senón tamén a valentía, o arroxo, e a fortaleza necesaria para conseguir o obxectivo de estar entre aqueles poucos elixidos capaces de rematar unha competición deste tipo.

De cumio en cumio percórrese toda a serra do Barbanza: os vales, os ríos, as chairas e camiños sen camiñar dende hai anos son o recordo que os acompañará durante días e que formará parte das crónicas e fazañas deportivas individuais de cada un deles.

Serras maxestosas con alturas que ridiculizan a nosa, hai moitas, pero nas que te podas atopar con cantís interminables que se descolgan sobre unha ría, gargantas gradadas por séculos de choivas infinitas, chairas de túmulos funerarios prehistóricos, trepidantes fervenzas, restos de antigos mosteiros medievais e infraestruturas romanas dos albores da civilización actual, está claro que iso solo o pode ofrecer o Barbanza.

Se a todo iso lle engades a organización dunha carreira con criterios cubertos por un dos organismos internacionais máis esixentes coma o UMTM (Ultratrail du Mont Blanc) e a cualifican con dous puntos para todos aqueles capaces de rematala, a impresión de que o proxecto xa é unha realidade non solo de presente, senón de futuro, resulta máis que evidente.