Estas eleccións son a oportunidade de rebelarnos contra as políticas que nos empobrecen, que en vez de rescatar persoas rescatan bancos, que en lugar de crear emprego provocan a emigración masiva da xuventude, que lonxe de apoiar aos sectores produtivos, os desmantelan. Unhas políticas reaccionarias aplicadas polo PP cumprindo ao dedo os recados da Troika. No Parlamento europeo demostramos que se pode facer política de país, o escano do BNG ía máis alá dunha siglas: foi o das persoas e do pobo galego. Falamos do Porto de Vigo (relegado a infraestrutura de segunda por PSOE-PP), propiciamos unha misión de investigación para o saneamento das nosas rías, denunciamos a ausencia da Xunta en negociacións cruciais para o país, defendemos a pesca artesanal e o marisqueo. Estivemos coa frota galega en Mauritania, reclamamos un Fondo de compensación lácteo para os produtores pola desaparición das cotas, e facilitamos a interlocución directa dos sectores produtivos na Comisión e no Parlamento. Dimos voz na Eurocámara á loita contra a minería contaminante, que tivo a oposición a Corcoesto como principal referente, aos estafados polas preferentes e aos desafiuzados. Defendimos os intereses galegos sen complexos nin ataduras. Estas eleccións son a oportunidade de rebelarnos, de seguir a carón das persoas, de continuar coa defensa dos intereses galegos. A oportunidade de defender outro modelo de Europa: democrática, da cohesión social, solidaria, pacifista, ecoloxista, a Europa dos Pobos, á que aspiramos porque podemos ganarlle o futuro á Troika e aos seus secuaces.