Impartirá un obradoiro de composición erótica en Rianxo
12 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Desde hai unhas semanas vense desenvolvendo en Rianxo o programa Ferve a Lingua, un conxunto de actividades nas que se inclúen concertos, sesións de animación á lectura e mesmo un torneo de poetas que pretende animar aos veciños a ler, a escribir e recitar. No marco deste paquete de propostas, o sábado arrancará un obradoiro de poesía erótica. Será impartido pola poetisa María Lado.
-¿Que se vai tratar neste obradoiro de poesía erótica?
-O que quero destacar é que se trata de un obradoiro dirixido a que todos os participantes acaben escribindo. Tentaremos poñernos de acordo tamén para definir o que é a poesía erótica. A finalidade da iniciativa é tamén recitar e logo que a xente se anime a participar no torneo de poetas promovido polo Concello. En definitiva, o que se busca é que a xente se desbloquee, escriba e recite.
-¿Que é máis difícil ler ou recitar en público?
-Son actividades distintas e cada unha ten a súa complicación. A xente bloquéase máis no recitado, pero na dinámica dos obradoiros imos tentar que os participantes se animen a ler as súas composicións. Considero que o recitado é unha parte importante na actividade poética. Pode parecer difícil pero, cando os obradoiros levan unhas horas en marcha, a xente sóltase.
-Este é un obradoiro de nove horas, ¿vai dar tempo realmente a que saian textos?
-Si, porque todo o mundo ten as nocións básicas para escribir, do que se trata é de cada un se sinta identificado co que crea. Non do dará tempo a escribir un texto, senón que van saír varios por cabeza. Despois na casa, haberá tempo para pulir e refacer; pero o obxectivo do obradoiro é que a xente escriba moito, porque a práctica é a que quita o medo.
-¿O feito de que sexa de temática erótica non supón unha dificultade engadida?
-Non, eu penso que partir dunha temática é unha vantaxe. Se tes gañas de escribir, en moitas ocasións, o problema é saber de que e, cun tema previo, sempre hai unha base. Ademais, cos tempos que corren, nos que está tan de moda o erotismo, non creo que haxa pudor. Se alguén o ten, que estea tranquilo porque os primeiros exercicios irán destinados precisamente a perdelo.
-Plantea iso de escribir poesía como se fora moi doado...
-É doado. De feito, sentarémonos alí e poñerémonos a escribir, así de sinxelo. O máis difícil de escribir é empezar, despois o camiño vaise achandando. Ofrecereille aos participantes ferramentas que lle funcionen de disparador, como imaxes, textos ou poemas coñecidos.
-Actuou en varias ocasións en Barbanza xunto a Lucía Aldao e incluso recolleron recentemente un Pousadiño, ¿como ve Barbanza a nivel cultural?
-Vexo que en Barbanza hai un fervor cultural moi interesante, que é o que ten que ser nas vilas pequenas; porque, nas grandes cidades, xa se presupón que é así. Tamén hai unha canteira importante de poetas, músicos e actores.
-¿Que lle diría á xente que aínda non está decidida a acudir ao obradoiro de Rianxo?
-Diríalle que viñese, porque escribir é un exercicio moi interesante. Traballaremos o erotismo como recurso literario, non como unha fórmula de confesión persoal. Escribir é unha actividade enriquecedora e viciosa, ademais dun bicho doado de manter economicamente.
maría lado poetisa