«Este ano están de moda, pola tele, os disfraces de cociñeiro»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA BURELA / LA VOZ

FIRMAS

PEPA LOSADA

Esta vez o local propón crear o grupo máis numeroso... de indios

26 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cinco, catro, tres, dous, un... ¡Cero! Despega o Antroido na comarca. Os mariñáns levan días dándolle voltas ao seu disfraz, pero aínda a última hora sempre podemos botar man do noso armario e facer un mix de roupa vella e saír á rúa coma un antroido dos de antes ou mellor ir á tenda de Perona en Burela que suma xa máis de 20 anos de experiencia, coas irmáns Feli e Loli García abrindo mañá e tarde nesta época do ano.

-Se ven, que veña unha cicloxénese de imaxinación e humor.

-A xente xa está moi animada co carnaval, aínda que lle preocupa o tempo. Se fai vento, se fai auga...

-¿Como lles gusta disfrazarse aos mariñáns?

-Clasiquísimos. Seguimos coma sempre, cos traxes de Batman, Spiderman, Shongoku... referencias do cine e da televisión. E este ano, de cociñeiro, por programas coma Masterchef. Realmente é iso o que inflúe na elección dos disfraces. Tamén de Piratas del Caribe, A Guerra das Galaxias, nese plan...

-Entón, ¿que foi dos disfraces de sempre, os paiasos, etc...?

-¡Esquécete dos de sempre!

-Bueno, un clásico clásico é o home vestido de muller...

-É verdade que lles gusta, sobre todo algún grupiño e chavalería, aínda que os hai nos desfiles, xa coas súas idades, que ano tras ano seguen, erre que erre... Hoxe os homes que van de muller prefiren ir máis abrigados, non coma cando iban case só cunha boa e medias de rede.

-¿E á inversa?

-¿Elas de eles? Non. O 1%.

-Os nenos tamén disfrutan moito do Antroido.

-En nenos mandan os superheroes, aínda que este ano notamos máis tendencia polo uniforme que leve armas, como unha porra, unha pistola ou unha metralleta. Ás nenas, sobre todo de 4 ou 5 anos, o que lles segue a gustar é ir de princesitas.

-Dende fai uns anos Perona anima a disfrazarse cun tema ao maior número de xente posible.

-O grupo máis numeroso o facemos todos os anos. Este será de indio. Primeiro foron as galiñas, o segundo os pingüinos e o terceiro os paiasos. De indio levamos xa máis de 140 disfraces vendidos. Volvendo a falar sobre o que se leva en disfraces, quero engadir que tamén se ve que van mellorando moito os maquillaxes, que cada vez se coida máis esa parte do disfraz e se busca que chame a atención. Porque se vas coa cara de gato ben pintada, realmente case nin fai falla o traxe. Xa todo o mundo ve que vas de gato.

-A tenda, nesta época do ano, ten máis actividade que nunca. ¿En que horario abre?

-Polas mañás de 10.00 a 13.30 e polas tardes de 17.00 a 20.30 ou 21.00 horas. A tenda de Perona, situada en Burela, abriu un 25 de novembro do ano 1989.

FELI GARCÍA ENCARGADA COA SÚA IRMÁ DA TENDA PERONA, CON MÁIS DE 20 ANOS EN BURELA