O río Ulla foi a porta marítima de entrada a Compostela e hoxe podemos disfrutar das súas riquezas, como, por exemplo, do único vía crucis marítimo-fluvial, que marca a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e o Ulla, nun fermosísimo itinerario, do que destaco o cruceiro das Tres Cruces da Punta Patiño, en Rianxo, que marca o comezo do esteiro do río.
A fasquía paleoeuropea do hidrónimo Ulla parece confirmarse na orixe a partir da raíz indoeuropea wel- «facer xirar» e, polo tanto, «auga que fai remuíños».
Ulloa, comarca onde nace o noso río, procede do diminutivo Uliola. Así, de Ulia> Ulla, e de Uliola> Ulloa. Noutros dobretes ocorre o mesmo, nos que se usa o diminutivo para referirse ao curso alto dos ríos: Sar/Sarela, e Miño/Miñotelo. Tamén da raíz wel- tense visto a pervivencia en termos como ulló e illó «charco, lagoa pequena».
Arousa, Ulla e Salnés, unidos non só pola existencia da ruta, veñen de ser protagonistas dun alcumario escrito por Gonzalo Bouza-Brey, no que o estuario do río Ulla é chamado «Ullán», tal como o bautizaron un día os inesquecibles Borobó e Faustino Rei Romero.