«Emprego roupa de inmigrantes»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

XOÁN A. SOLER

Presenta o seu novo traballo plástico en Compostela, «Feito e des-feito»

24 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O ex membro do colectivo Atlántica e un dos maiores representantes da vangarda plástica galega volve á Galería Trinta coa súa última creación. José Freixanes (Pontevedra, 1953) inaugurou onte Feito e des-feito, unha mostra presidida por un impoñente cadro de 2,60 por 2 metros e outras tres pezas pequenas complementarias.

-¿De onde sae o nome da mostra?

-Feito e des-feito é unha metáfora que está na idea do facer e desfacer sobre o acontecer que estamos vivindo. Hai problemas que pasei cando tiña vinte anos que agora estou volvendo a vivir, cando xa os daba por superados. Por exemplo, a última lei do aborto, o desprezo que hai hoxe cara a todo o que ten que ver coa cultura, o pensamento e o coñecemento en mor do que é comercial, ou esa idea que nos queren impoñer de que viviamos por riba das nosas posibilidades. No ano 1948 creamos algo chamado Dereitos Humanos que derrubamos nestes últimos catro anos. Todo iso está recollido en Feito e des-feito, porque tiñamos feito dende hai moitos anos un traballo que se desfixo e que agora hai que volver refacer.

-¿Quixo facer unha denuncia social con «Feito e des-feito»?

-É unha actitude vital, máis que unha denuncia social. Eu o que pretendo é demostrar que pintar non é un feito illado, senón que está implícito en todo. Nos momentos nos que vivimos, o acto de pintar supón asumir o que pasa ao teu redor. Eu sigo traballando pola beleza, por elementos que agora parecen tan fóra de onda como buscar formulacións estéticas, que dalgunha forma están relacionados tamén co que está sucedendo.

-¿Como xorde o proxecto?

-Trátase dunha continuidade do que estiven facendo con anterioridade. Eu na plástica adopto distintas linguaxes e a máis íntima é a do estudio, no que estou eu só, ante os meus cadros e traballo. A anterior serie miña de traballos plásticos de pintura foi Arabescos, coa que estiven dende o 2010 ao 2012, e en forma de continuidade xorde en 2013 esta outra a medida que se acrecentan problemas nos que eu estou implicado a nivel vital, en canto a como se está tratando a cultura ou a sanidade.

-¿Foi unha creación consciente?

-Empecei a traballar, case sen querer, empregando as roupas dos inmigrantes que tiña no estudo e me tiñan doado para unha peza anterior, Al final del amanecer. Esas prendas están incluídas nestes cadros, utilizando o cosido, certas telas de forma moi sutil e moi diseccionada e traballando imaxes que están relacionadas coa anterior serie.

José Freixanes artista