«Con esta técnica detectamos microbios vivos en cosméticos»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

JORGE RIVEIRO

O seu grupo acaba de recibir un premio polo seu estudo

10 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Por segunda ocasión, o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas da USC recibiu o premio do Club de Usuarios de SPME que patrocina a firma de fabricación e venta de produtos químicos Sigma Aldrich. Desta volta foi o traballo do doutorando Gerardo Álvarez o que lle valeu o recoñecemento. O investigador propón neste estudo que foi premiado utilizar a técnica de microextracción en fase sólida para detectar de contaminación microbiana en produtos de coidado persoal.

-¿En que consiste o método?

-É un método de screening de detección rápida de concentración microbiana nos produtos cosméticos e de coidado persoal. É moito máis rápido que outras técnicas tradicionais, que son os cultivos microbianos, e complementaria a outras técnicas rápidas como a detección de ADN, que se pode facer nuns minutos. A vantaxe do que propoñemos nós é que podemos detectar presenza microbiana viva porque o composto volátil daría indicio de actividade microbiana real, xa que son os gases que producen os microbios cando se alimentan. En cambio, a detección por ADN pode detectar microbios que xa non están vivos.

-É unha técnica inventada hai 20 anos en Canadá.

-Si, por Hanusz Pawliszyn. A miña directora de tese traballou con el e trouxo a Santiago o método. Por iso traballamos tanto con el.

-¿Por que os cosméticos? ¿É habitual a presenza microbiana?

-Non, todo o contrario, os produtos están controlados e usan conservantes. Nós tamén medimos que estean na concentración correcta. Esta técnica pódese aplicar tamén a outros ámbitos pero neste caso son os produtos de coidado persoal porque é o tema sobre o que estou desenvolvendo a miña tese, que está en proceso. De todos os xeitos, hai traballos moi interesantes en alimentos.

-¿O seu método sería máis barato que outros?

-A verdade é que non o teño calculado. Este método é unha fibra que cando se expón sobre a mostra retén os compostos gasosos e unha parte poderían ser de bacterias. Hai que seguir traballando na metodoloxía para que sexa máis robusta. Canto maior sexa o número de biomarcadores mellor é o método. Nós fixemos o noso plantexamento pero aínda está nunha fase inicial, hai que traballar máis.

gerardo álvarez investigador en química da usc