A racionalidade do real

Oliveira Casal

FIRMAS

13 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

H ai xusto un mes. O mesmo día que se proxectaba no CGAC a película documental A realidade, do imprescindíbel Alberte Pagán, o goberno español aprobaba o anteproxecto da nova lei de seguridade cidadá. A cinta reconstrúe a loita das FARC e os sucesivos procesos de paz abundando na idea do control dos medios, sobre todo da TV, como sistema impositivo infalíbel dunha nova orde social. É dicir, conta mil veces a mesma mentira nos informativos e terás creado unha verdade universa, incuestionábel. Hoxe, un mes despois, ademais do sector duro do electorado popular, unha estimábel porcentaxe de cidadáns ha estar a considerar apropiadas e case necesarias as novas medidas represivas que se comezarán a aplicar este próximo verán. Proscritos so pena de sancións paralizantes, activismos e auditorías cidadáns.

Esta nova ofensiva lexislativa defínese pola súa vocación de amordazar e silenciar. Desde a análise lóxica, o argumento é irrefutábel: recorto en sanidade, educación e cultura; desafiúzo sen culpa nin compaixón; pido un rescate para reflotar a banca privada (principal culpábel da crise) sen posibilitar o crédito ao pequeno empresario nin poñer freo ao desemprego; xulgo a corrupción só se non queda máis remedio e nunca de xeito exemplarizante e, xa que logo, conclúo necesariamente que, ou endurezo as estratexias coercitivas de control da poboación, ou isto váiseme das mans. Pero claro, un razoamento pode ser formalmente válido e, ao tempo, moralmente despreciábel.

Mellor sorte merecen as independentes, lúcidas e arriscadas consecucións fílmicas de Alberte Pagán que seren proxectadas en hora de sobremesa no CGAC e cadrar no tempo con ocorrencias represoras disfrazadas de necesarias medidas antidisturbios. Ou te alienas e resignas ou es un radical que destrúe, ofende e aldraxa. De soberanismos e vergoñentas concertinas nos enreixados fronteirizos nin falar nunca máis. Que foi da racionalidade do real, da necesidade social intocábel do dereito á liberdade de pensamento e reunión? Os pánicos, dísenos sinalando Grecia e Portugal, poden ser maiores.