Mar Lorenzo ensina Pedagoxía Laboral e Pedagoxía Penitenciaria na USC. Insiste que «nun tempo con tanta presenza de malas noticias, guerras, enfrontamentos e conflitos é importante transmitir o gran ideal da paz».
-¿Non sería interesante educar para o conflito?
-Os conflitos son necesarios para o desenvolvemento cognitivo, se se resolven ben. O problema é que a nosa sociedade non os sabe resolver. Cando hai que buscar solucións negociadas, moitas persoas non son quen de recoñeceren unha situación problemática para buscar unha saída alternativa; mesmo se reiteran condutas erróneas.
-Ensina Pedagoxía Laboral, ¿ve futuro para tantos titulados de Ciencias da Educación?
-Dou aulas no último ano da carreira, e son optimista co futuro do alumnado, que ten moi boa formación, a pesar de que sae a un mercado laboral moi incerto. Nas empresas poden desempeñar un bo labor, por exemplo en plans de formación de recursos humanos, moi necesarios. Agora co grao temos menos titulados, porque se esixen competencias básicas como o dominio doutro idioma da UE, ou un traballo de fin de grao, ou o Practicum, que demoran o final dos estudos.
-¿Como é o seu labor no cárcere de Teixeiro?
-Atendo un programa experimental: comecei con 4 estudantes e agora son 38, de varias carreiras, e incido na educación emocional e na motivación. Traballo a cultura de paz no cárcere, e ese é tamén outro obxectivo importante desta cátedra.