O emprego no colectivo, sobre todo dende o 2009, diminuíu o 26 %, afirma
01 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.«Toca defender o sistema de benestar, que funcionaba e daba boa cobertura»
«Somos máis necesarios que nunca, pois pola crise a demanda do noso traballo aumentou moito. E vemos como diminúen os servizos e a capacidade de atención e hai unha sobrecarga nos profesionais», afirma Marta Capeáns, elixida en novembro presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia. A entidade representa un colectivo duns 2.600 membros.
-¿Por que aumenta tanto a demanda de servizos sociais?
-En parte porque hai unha nova tipoloxía de usuarios: unha clase media moi afectada polo elevado desemprego e que pasa cada vez máis a situacións de empobrecemento, porque non ten ingresos e si débedas, e por iso solicita a axuda nos servizos sociais.
-¿Como notan ese incremento de demanda?
-Da última consulta que fixemos ao noso colectivo concluímos que hai unha sobrecarga de traballo brutal, pois a demanda de servizos sociais aumentou un 23,6 % e houbo una diminución do 26 % de postos de traballo. E non estamos no peor momento, pois cando entre en vigor a reforma da Administración local tememos que se pode perder máis emprego.
-¿Como evoluciona a profesión?
-Na década de 1990 comezou un grande desenvolvemento dos servizos sociais: a renda de integración social (Risga), as pensións non contributivas e outras prestacións garantían uns recursos mínimos a todas as persoas e colectivos, independentemente de que fosen marxinais, máis dependentes ou con discapacidade. Mesmo en institucións como o Psiquiátrico de Conxo se notaron melloras. Eses avances duraron até a Lei de Dependencia, e supuxeron importantes posibilidades para a nosa profesión. No 2009 comezou o decaemento.
-Coincide cos peores anos da crise, ¿é esa a causa?
-Coa crise e cos recortes en educación, en sanidade, en dependencia e en que non se crean novos servizos.
-¿A que atribúe esta situación?
-O principal é que o financiamento para os servizos sociais diminuíu. O plan concertado xestionado polo Estado e as autonomías experimentou uns recortes tremendos, non inclúe programas como antes e financia menos traballadores sociais, sobre todo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
-¿Que programas ve máis necesario potenciar?
-É preciso un maior financiamento para os sistemas de dependencia e sanitario, que cesen os recortes educativos, e dende logo que non se alonxen os servizos sociais dos concellos e da cidadanía, como pode acontecer coa reforma da Lei de Administración Local, que favorece iso.
-¿Que programa ten para os catro anos de presidencia?
-Vivimos un tempo difícil para os servizos sociais e para o noso colexio profesional. Toca conservar o sistema que se creou nas últimas décadas e que se está a destruír. Vemos como regresan situacións que non queremos, de beneficencia, de caridade, esas campañas para situacións económicas graves que se non van ligadas a programas non van solucionar ningunha problemática seria. Temos que defender o sistema de benestar que funcionaba e daba boa cobertura á cidadanía.