Manuel Fernández impartiu onte a súa última clase e hoxe será homenaxeado polos seus compañeiros nunha comida no Hotel Nordés de Burela. Nativo de Órrea (Riotorto), confesa que fixo moita vida na Pontenova. Estreouse como estudante en Xudán e formouse como mestre en Lugo. No 1977 presentouse ás oposicións en Sevilla; eran 3.000 persoas compitindo por 1.026 plazas. Tivo sorte e exerceu durante un lustro nun centro de La Luisiana. No 1982 chegou a Burela como profesor do CEIP Virxe do Carme, no que leva 28 anos e 3 meses exercendo como director.
-¿Como foi a súa primeira experiencia neste colexio?
-Empecei como profesor dun grupo de segundo de EXB. Nos seguintes anos impartín clase en distintos cursos e no 1985-86, xa como director.
-E ¿como viviu a súa última xornada como mestre en activo?
-Sabes que vas abandonar unha parte da túa vida. Acabo de facer 60 anos e case a metade da miña vida lévoa traballando neste colexio. Estou mentalizado porque ants de solicitar a xubilación penseino ben.
-¿E cos compañeiros?
-Sempre nos tivemos moito respecto. Cheguei a Burela sen coñecer a ninguén, encontrei un claustro de compañeiros e deixo agora moitos amigos.
-¿De que logro está máis satisfeito?
-Foi importante cando nos fixeron o polideportivo e cando creamos unha zona verde no centro. Foi especial cando conseguimos o certificado de calidade; hoxe seguimos sendo o único centro de primaria da provincia que o tén.
-Agora vai ter tempo libre...
-Levo sendo xuíz de paz desde hai moitos anos e agora terei máis tempo para dedicarlle a esta tarefa. Pasearei, lerei e son moi afeccionado ás antigüidades. Pero en xaneiro, irei de vacacións coa miña dona.
manuel fernández díaz xubílase logo de 31 anos exercendo como mestre en burela