O ronsel das pedras

N. FEIJOO< / span>LAURA GUTIÉRREZ PELAYO

FIRMAS

Un mineral capaz de polarizar a luz guiou os viquingos polo mar

29 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Asia a un lado, al otro Europa, y allá a su frente Estambul», rimaba Espronceda na súa canción do pirata.

Á parte dunha natureza sanguinaria e un intenso ánimo de lucro, os piratas debían ter unha boa capacidade de orientación no proceloso mar.

Hoxe en día témolo moi fácil. Co GPS podemos achar decontado a ruta máis curta para chegar ao noso destino. Pero... como se orientaban os nosos devanceiros cando, no medio do mar, non tiñan referencias por ningures?

Nas noites despexadas guiábanse polas estrelas. Como aprendemos na escola, a constelación da Osa menor ou Setestrelo ten forma de carro e consta de sete estrelas: catro forman o corpo do carro e tres o mastro. A última estrela do mastro é a estrela polar, e sinala o norte.

A Lúa tamén nos informa aproximadamente dos puntos cardinais. Cando está en cuarto crecente os extremos sinalan cara ao leste, e cando está en cuarto minguante apuntan ao oeste. Ademais, unha liña recta que pase polas puntas da Lúa e se prolongue ata o horizonte, tanto en cuarto crecente coma en minguante, sinalará o sur.

De día a orientación é moito máis fácil. A todos nos ensinaron de pequenos que o Sol sae polo leste e ponse polo oeste, pero isto só acontece exactamente así nos equinoccios. Non obstante, tomando medicións precisas da posición do Sol, é posible orientarse, e navegar, con moita exactitude.

As árbores tamén indican os puntos cardinais, aínda que con pouca precisión. As carrizas que medran sobre eles adoitan acumularse na cara máis escura e húmida do tronco, polo que normalmente sinalan o norte. E se atopamos unha árbore cortada, veremos que os aneis de crecemento son máis grosos na cara sur, pois é de onde reciben máis luz.

Os viquingos tiñan un orixinal método de orientación. Estes excelentes mariños dominaron o Atlántico norte durante 900 anos e desembarcaron en América moito antes que Cristovo Colón. Pero o éxito da súa navegación sempre estivo rodeado de misterio porque non coñecían o compás, e nas latitudes nas que navegaban hai períodos de escuridade moi longos e, por riba, case sempre está nubrado.

A lenda dicía que se guiaban mediante unhas refulxentes «pedras solares» orixinarias dunhas misteriosas illas do norte. E isto non pasaba de ser un mito ata que se atoparon os restos do naufraxio dun barco inglés do século XVI. Entre outros obxectos apareceu un mineral capaz de polarizar a luz. Este mineral, chamado espato de Islandia, é un tipo de calcita que se presenta en forma de láminas transparentes ou translúcidas. Cando está anubrado e non se pode detectar con precisión a situación do Sol, basta con escrutar o ceo a través da pedra solar ata apreciar un brillo intenso que delata a posición do astro rei. Recentes estudos revelan que con este mineral pódese acadar unha orientación moi exacta, cun só grao de erro.

Grazas ao seu segredo, os rápidos navíos dos viquingos saían da bruma sen previo aviso para atacar e saquear as costas galegas. Durante toda a idade media, especialmente no século XI, sufrimos ataques que chegaron a deixar en ruínas cidades como Tui. Como defensa construíronse fortalezas en moitos lugares do litoral como as, por todos coñecidas, Torres do Oeste, en Catoira.

As Torres do Oeste, en Catoira, foron construídas para defenderse dos viquingos FOTO