Ensaísta de Ribeira

PASTOR RODRÍGUEZ

FIRMAS

12 dic 2013 . Actualizado a las 16:21 h.

Nacido en Ribeira en 1909, membro da Xeración de 1922, tivo amizade con Manuel Antonio, Otero Espasandín e Rafael Dieste. Interesado pola política, Enrique Fernández Sendón, que asinaba L. Fersen, foi un teórico do marxismo e do trostquismo antes da guerra civil, época na que colaborou nunha das máis prestixiosas revistas da esquerda española, Leviatán. Nesta revista apareceron traballos como La bancarrota del anarquismo español, en 1935, ou La última crisis política de México, en 1936. Membro de Izquierda Comunista, agrupación de tendencia trostquista, pasou na guerra civil ao Partido Socialista Obrero Español, pero colaborou tamén en revistas como Comunismo (Desarrollo de la Revolución Española, 1931) ou Nova Galicia (Republicanismo histórico, 1938). En literatura, na compaña de Otero Espasandín, Eduardo e Rafael Dieste e outros galegos, colaborou na fundación da revista P. A. N., na que apareceu o máis importante dos seus traballos, en 1935: Manuel Antonio, poeta y navegante, probablemente o artigo máis interesante sobre o poeta rianxeiro anterior a 1936. Foi autor, ademais, de varios folletos políticos, entre eles, Qué es el trostquismo (1931), ¿A dónde va el Partido Socialista? (1934) e Antecedentes del triunfo del Frente Popular (1936). O máis interesante da súa obra foi recolleito por Uxío Bobillo e X. L. Axeitos en 1998 no volume Enrique Fernández Sendón (L. Fersen). Memoria e antoloxía dun republicano galego. Tras a guerra estivo preso e, grazas á protección de Valentín Paz Andrade, puido colaborar dende 1943 na revista Industrias Pesqueras, co pseudónimo A. Martín. Faleceu en Ribeira en 1954.