Este boirense é hoxe un dos creadores barbanceses máis completos
24 abr 2014 . Actualizado a las 20:16 h.Sento coa miña vítima na barra dun bar lexitimando con cervexa e petiscos unha trampa necesaria. Se facer unha entrevista non é cousa sinxela, moito menos é facerlla a un artista que admiras profundamente sen que o amor fraternal empelgue todas e cada unha das verbas que agora lle entran ao lector polos ollos. Manuel Silva (Boiro 1979), coñecido tamén como Bisgue, é, sen dúbida, un dos artistas máis multidisciplinares e completos que deu este anaco de ría. Respectado dende hai lustros como ilustrador e escultor, e recoñecido máis adiante pola modelaxe e o deseño, nos últimos tempos realizou grandes traballos no eido audiovisual. O documental sobre deportes urbanos Eixos é unha mostra perfecta do elegante e dinámico traballo que este boirense desenvolve na actualidade. Agardo para poñer o cebo. Falamos de música. Actualmente Bisgue toca o baixo eléctrico en Nauta. Aproveito e comezo, non sen antes advertirlle ao lector que, evidentemente, esta entrevista desenvolveuse nunha linguaxe máis coloquial:
-De todas as modalidades artísticas que desenvolviches na túa vida, cal che fai gozar máis?
-Home, non é sinxelo, pero coido que a pintura. Aínda que non a practico todo o que me gustaría, penso que é o eido artístico máis complexo e no que valoro máis os resultados. Non obstante, a escultura e a modelaxe saen de min dun xeito máis natural. Distráenme, reláxanme máis.
-E se tiveses que dicir un artista que te influenciase?
-Uf! Moitos! Co paso do tempo van cambiando. A gran maioría de pintores das vangardas, a arte primitiva, grandes directores de cine clásico e contemporáneos...
-Móllate, que teño curiosidade.
-Pois: Turner, Caravaggio, Feito, Egon Shiele, Banksy, Spielberg, Ron Mueck...
(Perdémonos un anaco falando de Banksy. De contado cambio o terzo)
-Que contas pendentes tes? Quero dicir, que che gustaría facer que polas circunstancias non poidas?
-Quizais desenvolver unha peza de animación propia, onde puidese traballar con toda a xente que coñezo. Por outra banda, gustaríame poder pintar o que, por circunstancias, aínda non tiven a oportunidade de realizar ata hoxe.
-Falando de circunstancias, moitas veces a imposibilidade de emprender proxectos redúcese a unha causa económica. Aféctache moito o eterno tema da crise?
-A crise afecta moito o sector cultural; hai que estar máis agudo e crear os contidos e os produtos. O que me incomoda é escoitar que en tempos de crise estimúlase a creatividade. Non o creo, ao contrario, diría eu. Os proxectos cun carácter máis artístico atópanse en desvantaxe coas obras que teñen unha intención máis mercantil. A arte non deixa de ser un reflexo máis da sociedade na que vivimos.
-Temos o que merecemos, penso eu, pero temos que seguir adiante En que proxectos estás embarcado agora mesmo?
-Acabo de crear co meu compañeiro Manuel Vidal Edición Rusa, un selo audiovisual especializado en contidos artísticos e culturais. Cubrimos eventos musicais, exposicións, festas? Estamos a realizar un documental sobre o FAC (Furancho de Arte Contemporánea) situado en Santiago, e finalizando o percorrido por festivais de Eixos. Estou moi contento pola acollida e a crítica que tivo. Mentres tanto sigo realizando encargos de diferentes disciplinas e impartindo obradoiros de formación. Os últimos están relacionados co eido audiovisual, coma un que acabo de impartir en Noia, de animación, coa técnica de stop motion.
-E como levas o tema da música? Non tocades en Compostela este día 30?
-A nivel persoal case non toco pero xa sabes que cando podo sigo tocando con Nauta. É agradable compartir as mesmas inquedanzas musicais e dar de cando en vez algún que outro concerto por Galiza coma o do día 30. Ás veces foi un pouco frustrante non levar a cabo ningunha das propostas nas que nos vimos embarcados, coma Noxo ou Miscelánea. Con levar a cabo quero dicir que non tivesen unha mínima repercusión ou puidésemos editar algún disco, pero penso que cos anos acabas perfilando as teus gustos e a estar máis conforme co que fas.
ILUSTRACIÓN ABRALDES
«A escultura e a modelaxe saen de min dun xeito máis natural»
«A crise afecta moito o sector cultural; hai que estar máis agudo»