O certame abre hoxe en Lugo a mostra do Premio Galicia e mantén unha ampla oferta de exposicións na comunidade
28 nov 2013 . Actualizado a las 06:00 h.O Outono Fotográfico 2013 apura os últimos días de moitas das mostras programadas neste ano. E faino ao tempo que abre ao público o proxecto máis ambicioso da nova etapa do certame de fotografía: a exposición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. A primeira edición do concurso, que leva aparellada a organización dunha mostra coas obras do autor galardoado e a edición dun catálogo, foi gañado por Daniel Díaz Trigo. A exposición Posesións para un esquecemento abre hoxe as súas portas na sala de mostras da Deputación de Lugo; o acto está previsto para as 20.00 horas e conta coa presenza, entre outros, do conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.
Entre as mostras da Sección Oficial, o apartado que inclúe as propostas máis salientables do Outono, figura o proxecto Retrato de xente que mira ao pasar, de Xabier Fernández. As obras desta iniciativa están expostas da igrexa da Madalena de Ribadavia, espazo onde o traballo de Xabier Fernández se poderá visitar ata o vindeiro día 15 de decembro. A de Fernández é a derradeira das mostras do Outono 2013 na capital do Ribeiro.
Volta «Noite de ronda»
A quinta edición de Noite de ronda, do colectivo Violeta, inclúe o pase dun audiovisual. A cita será mañá no Simeón.