Feito no país

Xoán Mariño

FIRMAS

17 nov 2013 . Actualizado a las 06:48 h.

Os produtos de Apple xa non levan o eslogan Made in USA, agora poñen algo así como deseñado en California e fabricado en China, claro. É que isto da mundialización trae consigo un sen fin de terminoloxía colateral: deslocalización, externalización, vender fóra, hai que ir pechando, éche o que hai, non se pode competir, cos chinos non se pode... E de volta, como un bumerán, outros conceptos que emerxen (volver ao de antes, apego á terra, baixar das nubes, resetear) e a min gústanme moito. Sobre todo cando no reseteo se perden arquivos e un comeza de novo.

Xa deixando aos economistas á marxe, quedo con Zygmunt Bauman e o seu mundo líquido, que podemos aplicar a todos os aspectos da vida. O fluir sen organismos estancos fai que repensemos a maneira de facer neste cornecho do mundo, onde estruturas clásicas como a dependencia da Administración fan que muden moito as cousas. Como o feito de soltar 160 millóns de euros para seguir facendo coches, accións que responden máis a esquemas dun pasado industrial moi distante e tamén me levan a empregar terminoloxía do país: pan para hoxe e fame para mañá.

Pola contra, que unha parella de Caldas con tres pequenos e unha súper formación digna de Silicon Valley se poñan a sementar pepinos para facer esponxas ecolóxicas e vendelas por todo o mundo, sen apoio inicial da Administración, non é un milagre; é criterio, traballo, investigación e perseveranza. Unha maneira de facer que crea un valor engadido que fai país e marca. Ibérica de esponjas vegetales Luffa faise aquí para o mundo, e é diferente. Faise aquí, co que supón e os valores que conleva.

Este valor engadido é o que nos pode diferenciar, axudado de ferramentas de mercado. Son moitos os exemplos con maneiras novas de entender o devir na nosa contorna. Paco e Lola, os Xoves de Códax, o produto servido con criterio no Loxe Mareiro; a conserva ben atendida, o mexillón da ría. Inclusive ese cafeciño de primeira hora servido con cariño. Produtos e servizos concibidos e pensados desde a autenticidade, con rigor e criterio, desde aquí para comerse o mundo: Feito no país.