As cousas necesarias

Luis Costa DIRECTOR DEL CONSERVATORIO

FIRMAS

Fai agora xa algo máis de seis anos, no 2007, presentábase con unha xira de tres concertos, celebrados en Pontevedra, Vigo e Santiago, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Como dicía eu mesmo nas palabras de presentación: «Nace esta agrupación como un proxecto artístico cobizoso, certamente, pero tamén pedagóxico, social e francamente humano». Así, desde aqueles inicios, creímos con total convencemento que a OFCP viña a responder á necesidade de dispoñer dun espazo imprescindible para a práctica orquestral dos músicos máis novos, do alumnado que saía dos nosos conservatorios profesionais e superiores; e por iso desde o Manuel Quiroga, a apoiamos incondicionalmente.

Superados os sempre incertos inicios, o proxecto da OFCP é hoxe unha institución musical consolidada na vida musical da cidade e de fóra, pois ademais de ter acadado o obxectivo de contar con unha programación regular e estable, non é raro vela actuando como orquestra residente nun concurso internacional en Ferrol, facendo un concerto didáctico en Oporto ou participando en montaxes escénicas de diverso alcance.

Haberá quen opine, ignorando calquera cifra real e repetindo sen maior tino o mantra desta austeridade selectiva que recorta onde xa falta e aumenta onde xa sobra, que unha orquestra como a OFCP resulta un luxo difícil de soster nestes tempos de precariedade económica. O certo é que o que nos faltan son proxectos como este, que encarnen unha política de xestión cultural e musical, prudente, realista, xustificada na súa austeridade ?esta si!- e apegada á realidade social inmediata, sen por elo rebaixar un ápice a esixencia de calidade que se lle pode demandar. Por iso desde os seus inicios, confiamos na implicación de tódalas institucións comprometidas con Pontevedra; por iso, cómpre felicitar e agradecer ao Concello desta cidade o apoio regular e constante que permitiu manter acesa a vida desta Orquestra, e á Xunta de Galicia os apoios que tamén puntualmente ten achegado. Confiemos en que estes apoios se manteñan, consoliden e regularicen, en cada caso, e que mesmo outras institucións inexplicablemente ausentes, teñan a ben sumarse a eles. Desde logo, desde o Conservatorio, aí seguiremos.