A fascinación de Xosé Rodríguez Ferrer (Vilamartín de Valdeorras, 1946) polos cemiterios vénlle de cativo. Non sabe como, pero sempre gustou de visitar os camposantos e escudriñar as lápidas para ver o que poñían. Ata que un día chegou ao de Bonaval, en Santiago, e «estaban en branco as lápidas, así que pensei, ¿por que non poñer un epitafio en cada nicho, un por cada profesión?», recorda. Pero a idea non lle gustou ao alcalde de Compostela. Escribiunos igual, pero non foron a ningunha lápida, senón que os publicou (nunha autoedición) nun libro, titulado Un cento e un epitafios.
-Un tema curioso...
-Sempre foi algo que me atraeu moito. E ademais, tampouco había ningún libro en galego sobre o tema; mais aló dun de Curros, pero que ten só tres ou catro epitafios. E non son coma estes, que estes son para rir da morte, están feitos nun modo bromista.
-Todos en verso.
-Si, son epitafios para moitas profesións, e para moita xente, escritos en verso e sempre en ton humorísticos. Hainos para un escritor ou unha bailarín, pero tamén para un cornudo ou un coqueto. Ao final non son só profesións.
-Non é un libro recente, ¿non?
-Escribino en 1995, e metino nunha carpeta, como teño moitos outros libros gardados, porque non hai posibilidade de sacalos á luz. Este saíu na primavera do ano pasado.
-¿Por que este si?
-Decidinme. Falei cos da editorial Finis Terrae, para explicarlles o que tiña. Pedíronme que llo mandara e dixeron que era unha idea orixinal, así que chegamos a un acordo para pagar a edición a medias.
-E tendo escrito un libro de epitafios, ¿xa ten pensado o que porá no seu?
-O meu xa hai tempo que o teño, xa o escribín en No camiño -un dos seus outros libros publicados, este no 1998-; e basicamente o que vén dicir é que quero que me enterren no Camiño de Santiago. Iso é o que eu quero.