Os topónimos O Piñeiro, en Barro (Noia) e Piñeiro, en Esteiro (Muros), Argalo (Noia) e Lampón (Boiro) contan cunha abondosa representación na zona xa que, ademais de nestes núcleos habitados, tamén se rexistran na nomenclatura de terras, augas (o río Piñeiro en Noal, Porto do Son) e incluso accidentes costeiros (O Piñeiro en Aguiño, Ribeira).
Este amplo repertorio toponímico reflíctese nos apelidos da contorna sendo, desta maneira, o concello de Boiro o segundo de toda Galicia con maior presenza porcentual deste elemento nas cadeas onomásticas dos seus censados.
Todos eles remiten ao substantivo homónimo, o cal á súa vez procede dun derivado *PI¯NARI?U? creado a partir do fitónimo latino PI¯NU?. A forma galega piñeiro e a portuguesa pinheiro contrapóñense ao resto de dominios romances, que evoluíron as súas respectivas formas a partir do simple PI¯NU? (castelán pino, catalán pi, etcétera).
De todos os xeitos, o galego contou cunha forma patrimonial piño (medieval pi~o) que chegou a ter implantación no léxico e na toponimia mais que cedeu ante o castelanismo pino.