Sei que a nosa Ribeira Sacra escusa distincións internacionais para acreditar a súa importante pegada nos ámbitos cultural, patrimonial, económico, social e mesmo medioambiental. Incluída ou non na listaxe mantida polo programa «Patrimonio da Humanidade» da Unesco, estamos a falar dun espazo que mantén a súa esencia histórica e o seu innegable atractivo turístico por riba de declaracións que reforcen a súa dimensión universal.
Cando reúno aos alcaldes dos oito concellos de Ourense integrados na Ribeira Sacra; cando plantexo a iniciativa política aprobada unanimemente no pleno da deputación; cando requiro -e recibo- o apoio do goberno autonómico á proposta, ou mesmo cando me reúno co presidente do goberno provincial de Lugo para marcar o camiño da candidatura, non fago outra cousa que render homenaxe ás persoas que, ao longo dos séculos, fixeron desta área xeográfica unha morada permanente de tranquilidade e maxestuosidade, unha verdadeira pousada do espírito que tamén actúa cun carácter dinámico en sectores económicos como o do viño que tamén leva o seu nome.
Todo na Ribeira Sacra é heroico, dende o seu pasado á vitivinicultura que hoxe tamén contribúe a darlle sona. Unha concentración de tesouros arquitectónicos e patrimoniais ao carón da auga que potencia a súa serenidade coidada ao longo dos séculos por unha poboación vencellada a unha terra fermosa como poucas.
O recoñecemento mundial que perseguimos fará xustiza a algo moi noso, compartido, si, coa provincia de Lugo, pero un territorio perfectamente delimitable grazas á acción do xuíz máis contundente: o tempo.
Agradezo a implicación e acollida desta iniciativa, a adhesión de entidades e organizacións que recibimos diariamente, e tamén a dispoñibilidade dos seus habitantes para, con forza, sumarse a esta reivindicación que traerá consigo un instrumento de preservación e protección pero tamén de indiscutible progreso.
Agradezo toda a colaboración neste camiño longo que rematará como queiramos a gran maioría. Non estamos poñendo a proba a Ribeira Sacra senón a nosa capacidade para entendérmonos e plantexar unha cuestión xusta e oportuna, sen que o partidismo e a demagoxia teñan cabida. Brindemos cun mencía por unha andaina que só podemos facer xuntos.
Viva a Ribeira Sacra.