Baliñas recoñece que o único que lle falta ao novo instituto é «a sabedoría da tradición», que virá curso a curso
21 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Mentres Milladoiro se fai á idea de que xa ten instituto de secundaria, o seu director, Rafael Baliña, tomoulle a medida a un cargo que xa coñecía, porque ata que chegou a Ames exerceu de director do IES de Carballo. Agora compaxina esa función en Ames coa docencia de Filosofía.
-Xusto antes do inicio do curso, o IES abriuse á veciñanza e nunca tanta xente se viu. ¿Pensou que virían tantas persoas?
-A verdade e que si, porque eu xa fixera unha especie de presentación no colexio de Ventín e alí xa me levei a sorpresa da morea de xente que acudiu, polo que xa esperaba moitas visitas, pero nunca tantas. Nesta zona a xente é moi participativa.
-A implicación para construír o IES foi inmensa. ¿Pensa que se vai manter no eido educativo?
-Espero que si pero tampouco o podo afirmar, porque unha cousa e a implicación por lograr unha infraestrutura e outra a educación e a calidade na mesma. Ás veces se confunde.
-Nunha etapa de recortes, ¿estrear instituto é un privilexio?.
-Nun novo centro moitas cousas as podes levar a dereito desde o principio. Non tes que subsistir ás cousas vellas, porque xa partes de novo. As infraestruturas son a estrear e xa no pensas como facer cando algo se acabe.
-Pero falta percorrido....
-O inconveniente é que a historia é acumulativa. Moitas das cousas as tes porque vas acumulando o saber de cada curso, que aumenta pouquiño a pouco. O único que non temos e tradición, falta a sabedoría da tradición.
-Aínda así, ¿traballar neste instituto é un caramelo?
-¡Vaia pregunta! É unha opción interesante, porque as zonas educativas de Santiago e arredores son moi puxantes, porque tes a vantaxe de estar cerquiña dun centro de sabedoría e de moito impulso como é Santiago. E este éxito xa vén de moitos anos, porque cando ves os premios de bacharelato cada vez hai máis rapaces de Teo, Padrón e Brión. Nos dous últimos cursos, as notas máis altas foron de rapaces de Teo, Brión, Bertamiráns e Padrón, o que demostra que a área de Santiago é un círculo de sabedoría que se ve nos resultados de bacharelato.
-¿E cal pode ser a causa?
-Na cidade se dá por suposto que se estudas en Santiago vas saír sabio. Pero en Cacheiras, Bertamiráns, Brión e Padrón hai moitas familias que empuxan aos rapaces e así saen uns fenómenos que dá gusto.
-¿Os recortes non poden poñer estes resultados en perigo?. ¿Como ve o futuro?
-A crise o esta cambiando todo. E ves como rapaces de 18 anos que non estudaron están volvendo. E de golpe hai un traspaso dos colexios privados aos públicos. Pero non nos fagamos ilusións. Non veñen pola defensa do ensino público. É polos cartos.
-¿E como se afronta con menos fondos?
-Temos máis alumnos e menos recursos, pero as infraestruturas están. E no ensino privado só hai un ou dous colexios, coñecidos no ámbito local.
-¿Selectividade si ou non?
-Proba de acceso si, pero a selectividade é un modelo que quedou obsoleto.
-¿E os idiomas?
-O coñecemento dos idiomas non está mal, pero non hai que focalizalo todo neles. A educación ten que ser diversa para que sexa rica. Cando un tema toma moita relevancia todo se focaliza nel, e o que pasa e que se empobrece a educación.