«Este ano queremos ter o plan estratéxico do Campus Terra»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

monica ferreirós

Defende que deban existir titulacións a pesares de ter pouco alumnado

01 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As tesoiras volven sobrevoar a Universidade de Santiago. O reitor da USC, Juan Casares, afronta o seus últimos meses de mandato coa presión que supón o férreo «control» que están exercendo as Administracións sobre a Universidade e que ralentiza os seus resultados. En cuestión está tamén o respecto á autonomía universitaria e á súa capacidade para autoxestionarse.

-O persoal xa anunciou mobilizacións contra os recortes a principios de curso e piden a implicación do reitor.

-Os tres reitores, como sabes, tomamos o liderado no seu momento con respecto aos recortes e fixemos unha declaración que penso que foi reflexionada e que recolle a realidade da situación. Creo que tivo unha boa acollida nas universidades polos distintos estamentos e tamén houbo intervencións por parte dos membros da comunidade universitaria que eu valoro no sentido que hai que valoralo: Non é o reitor só o que fai unha declaración institucional, senón que a xente a comparte. Así vin as intervencións que fixeron os distintos membros da comunidade universitaria, que lle deron un peso á intervención do reitor. Penso que se pode falar máis alto pero non máis claro do que fixemos os tres reitores.

-¿A Xunta recolleu as reivindicacións?

-A Xunta recolleu as palabras. Non lle gustou, está reflectido na prensa, e o conselleiro e o presidente entenderon que os reitores se pasaran. Penso que non é habitual que digan iso, que dicir que lles chegou. Non nos pasamos, somos unha banda de pacíficos e creo que tampouco nos pasamos nas manifestacións. Creo que fixemos o que tiñamos que facer. Xa digo, pódese falar máis alto pero no máis claro. A situación é preocupante. A situación do país é difícil e creo que falta moitas veces transmitirlle á poboación a realidade das cousas.

-Durante o curso 2014/2015 abrirase o mapa de titulacións de Galicia.

-En ningún caso pedín a apertura do mapa de titulacións. Eu propuxen unha titulación que é modificación dun título propio en oficial, que é Criminoloxía. Había un acordo das tres universidades na pasada década de que a transformación de titulacións propias en oficiais non era crear novos títulos. Agora a visión da Administración é que iso é rachar o mapa de titulacións. Creo que estamos a perder oportunidades en Galicia por non ter acadado no 2013/2014 o grao de Criminoloxía. Fomos pioneiros creando o título en España e agora quedamos relegados ao montón.

-¿Hai outras propostas?

-Traballamos en titulacións dobres e outras cousas que non supoñen rachar o mapa, como Física e Química, Física e Matemáticas... Hai outras que creo que hai que traballar. Son titulacións normalmente dun baixo número de alumnos pero non é algo que vaia resolver os problemas das titulacións. É unha novidade interesante e parece que a sociedade as acepta.

-¿E os graos con pouca demanda?

-Hai singularidades que independentemente da demanda, teñen que existir. Ten que haber unha Filoloxía Galega, non me cabe dúbida. Hai titulacións que nunca van ter centos de alumnos pero ten que habelas. Ao mellor só teñen que existir nun sitio, pero non é para que unha universidade sexa mellor que outra e a outra peor, senón para prestar un servizo público.

-¿Como vai a posta en marcha en Lugo do Campus Terra?

- Asinamos o acordo coa Xunta e imos poñer en marcha o procedemento de xeito inmediato para que antes de finalizar o ano teñamos xa elaborado un plan estratéxico. Despois hai que desenvolvelo, pero antes de fin de ano queremos ter o plan estratéxico xa na man

juan casares long reitor da universidade de santiago