Hoxe abrirá os festexos ás 20.30 no Cine Teatro, xunto coa coral local
30 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Actriz, modelo... e hoxe pregoeira das festas patronais de Ribadeo, ás 20.30 horas no Cine Teatro e antes do concerto da Coral Polifónica alí. Estíbaliz Veiga (Celeiro de Mariñaos-Barreiros, 1979) está máis que emocionada.
-¿Como será o pregón?
-En realidade este pregón é o máis especial que me podían ofrecer. Se eu fose unha árbore, en Ribadeo teño parte das raíces. O pregón é un canto para facer un agradecemento a todos aqueles que me foron apoiando na miña curta carreira, son quen son grazas á xente que me fun atopando polo camiño e moita é de Ribadeo, porque alí tiven o primeiro traballo, moceei... A miña lembranza é que Ribadeo ten moita luz. Mira que teño viaxado por todo o mundo e hai lugares que me teñen namorada, pero sempre estou desexando volver. É unha cousa que ten a xente da Mariña, son anfitrións, xenerosos... Hai algo especial, e se ve cada vez que traio a calquera amigo ou compañeiro de traballo, como Isabel Blanco, que ten vido coa nosa pandilla e está namorada de Ribadeo. Podo levantar o teléfono e aquí sempre teño con quen compartir, a xente nunca da a espalda, é xenerosa. En Ribadeo iso de que «cada un paga o seu» é a mentira máis grande do mundo (ri).
-Se os galegos somos expertos en morriña, cando estamos fóra...
-Eu teño avó-morriña, síntome coma Heidi. O máis importante é o que tes no corazón, o cariño, e no meu caso o amor aos avós é para toda a vida. Téñoos en Celeiro de Mariñaos e me apoiaron sempre, el (Antonio Veiga) pagoume a carreira e foi o que apostou por min, me deixaba bailar enriba da mesa e facer o que se me ocurría na imaxinación. El me daba ás.
-¿En que anda agora, profesionalmente falando?
-Agora estou en plenos ensaios en Madrid, aínda que me deron agosto libre, da obra Encierros de Lluis Basella que se estrea o 12 de outubro. Estou con rostros coñecidos como Aida de la Cruz, Marta Calvó, Mauricio Bautista e Denis Gómez. O venres da semana pasada gravei o primeiro capítulo de Chapa e pintura de Voz Audiovisual para a TVG. Estou reanudando a xira de Anxeliños de Vidal Bolaño, que chegará a mediados de setembro a Mondoñedo. E empezo de novo coa compañía canadiense Katarsis. Son unha afortunada, aínda que non creo na sorte, senón que esta é produto dos teus feitos. É relativa. O importante é que todos os días te levantes e penses que vas dar o 150% ou 200% e se veñen os resultados mañá estupendo, ou pasado mañá... Cada día hai que facelo con todo o amor, porque este é o que realmente move o mundo, a enerxía que nos pode levar a algún lugar, ademáis por todo, en xeral, non só amor romántico. Se hoxe fago unha curta non remunerada... con moito amor, e mañá un papel nunha peli importante... tamén, con moito amor.