O mariño xubilado salvouse de tres naufraxios e é moi devoto da Virxe do Carme
19 ago 2013 . Actualizado a las 09:34 h.Avelino Lema Santos (80 años) foi o creador do Simulacro de Naufraxio de Laxe, unha representación que trouxo desde Perú en 1962 e que este ano estreou a declaración de Festa de Interese Turístico Galego.
-¿Pensou algunha vez que tería tanta importancia?
-Razonámolo moitas veces, mesmo coa conselleira do Mar, pero conseguímolo grazas ao Concello e a confraría. O pobo de Laxe quería que fora así. Cando empezamos mesmo o cura dicía que non, que era un escándalo. Dixo que fóramos con roupa de augas, para que non nos viran en traxe de baño. Iamos catro, pero facía falla máis xente, porque a imaxe pesa moito, uns 400 quilos. Agora todo o mundo quere facelo. O malo é que se van sacando cousas. Os fogos se tiraron sempre na area, pero este ano a Costas doulle a gana de ir contra un pobo enteiro e prohibiu tiralos aí. Hai que facelo no peirao vello, onde hai moitas casas... Eu vin algo parecido a isto en Perú. Facía a ruta con Xapón.
-¿Faltou algunha vez ao simulacro neste medio século?
-Sempre intentei coller as vacacións en agosto, pero houbo anos que non puiden porque estaba no mar, en Xapón ou na China.
-Pero a tradición seguiu.
-Isto inventeino eu, pero seguiu sempre.
-¿Fai falla a axuda da Virxe hoxe en día?
-A Virxe do Carme, a min polo menos, axudoume moito. Eu tiven tres naufraxios e saín deles. Eu sei que algo hai. Todo o que pedín mo conseguiu.
-¿Foi vostede pescador?
-Moi pouco tempo. Marchei para a mercante en Suecia, 15 anos, e en Dinamarca. Coñezo o mundo enteiro. Toda a miña vida navegando...
-Pero como Laxe non hai nada...
-Nada. Teño un piso na Coruña e no inverno non veño, porque a muller non quere, pero chega maio e xa veño.
-Darese conta de que agora hai menos barcos que antes.
-Desguazáronse moitos.
-¿A xente quería ir ao mar cando vostede era novo?
-Non moito, máis ben emigraban por aí, pero agora queren ir ao mar e non teñen, porque non hai prazas para eles. Antes ninguén quería ser pescador, pero agora quere todo o mundo porque nin hai onde ir. Esa é a única industria que temos en Laxe.
-¿Pensou en dedicarse a outra cousa?
-Nunca. Eu nacín en Laxe no ano 33. Miña nai deixábame no berce e viña escunchar as sardiñas. Eu choraba ata que volvía.
-Non se acordará diso...
-Acordo, acordo... De pequeno eu tiña moito medo. Despois ía ás carolas. Miña nai mandábame para venderllas a dona Elisa, que tiña unha fábrica de conservas. E despois ao mar, con 12 anos. Cando chovía non, cando chovía ía ao colexio.
-Estaría desexando que chovera.
-Noooon (ri). Era moita miseria. Eu teño comido carrizas, que é unha flor que sae cando se recollen as patacas. Debaixo tiñan unha bola. Os bolos do pote eran para as festas. O pan branco non o víamos. Miña nai foi camiñando a Baio para comprar millo, co soldo de meu pai, que eran 300 pesetas. Cando volvía parouna o garda de asalto e requisoulle o que levaba. Veu chorando, miña pobre. Ese mes si que pasamos fame.
-¿Sempre quixo navegar?
-Sempre. Traballei en compañías que pagaban moi ben. As cousas xa non son coma antes, mesmo na pesca. Antes nos barcos de pesca non había nin sabas. Agora hai camarotes, duchas...
-¿Cando se xubilou?
-Por Suecia aos 55 anos, por España aos 59 e por Dinamarca aos 67, e teño algo tamén por Inglaterra. Cando naufraguei quedei sen documentación e fun para alí, dous anos, polo que tamén cobro algo deles.
-¿Recomendaría á xuventude que traballe no mar?
-Recomendaría, pero o mar tense que levar dentro, ser mariñeiro ten que saír de un.
-¿Como foron os naufraxios nos que estivo?
-O primeiro foi no ano 53 e morreron nove homes. Chocounos un barco alemán e todo foi a pique. O segundo foi un barco danés, e morreu o segundo maquinista.
-¿E o terceiro?
-En Canarias, nun atuneiro.
-¿En qué se pensa cando hai un accidente no mar?
-Quédache a mente en branco, non sabes o que facer. Nós, no segundo, o primeiro oficial mandaba pechar as válvulas de conexión e nós abriámolas. Quedas coma un zombi. A min pasoume iso. Eu corría, aquel corría, o outro corría...
-Daquela, é fundamental a preparación dos mariñeiros.
-Si, si. Agora ensínanlles moi ben. Nos barcos suecos tiñamos todas as semanas manobras. Así xa fas as cousas de rutina.
-Con máis formación habería menos mortos.
-Si, pero no 53 non había as cousas que hai agora. Na guerra Alemaña facía un barco por mes, e podes imaxinar como eran.
Avelino Lema santos creador do simulacro de naufraxio de laxe