O turismo de Muros experimentou un cambio este ano
26 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Xa avanzado o verán é máis doado facer unha estimación de como se está presentando o turismo na zona. Muros é unha localidade que acolle cada ano a miles de visitantes que buscan refuxiarse na súa tradición, nas súas rúas e estruturas típicas, empaparse da historia e recorrer as paisaxes que ofrece esta vila. David Fernández, técnico de turismo de Muros, expón unha análise do verán nesta zona e dos cambios que se están experimentando con respecto a anos anteriores.
-¿Como está sendo o turismo este verán?
-Desde que abrín esta oficina o 1 de xullo estamos experimentando un verán moi peculiar. A primeira semana houbo moita afluencia, sobre 50 persoas ao día. Sen embargo, as seguintes semanas, o número de visitantes foi diminuíndo. No que vai de xullo puidemos atender a 400 persoas máis ou menos cando o número nestas fechas roldaba as dúas mil. Nótase unha baixada no sector, pero aínda queda verán.
-¿Como cree que se presentará o resto do estío?
-Penso que agosto vai ser un mes moi bo. Sempre é unha tempada na que hai maior afluencia. Normalmente, este mes pode chegar a recoller a oito mil persoas, máis da metade dos visitantes que temos en todo o ano. Tendo en conta que esta última quincena de xullo empezou con forza, acollendo a 150 visitantes, penso que estamos a remontar.
-¿Hai moita diferenza con outros anos?
-Produciuse un cambio de tendencias. Antes había moito turismo prolongado, a xente viña a pasar todo o mes. Sen embargo, agora nótase que prefiren vir por quincenas. No que respecta ao tipo de turismo, tamén se experimentou un cambio. Este verán estase vendo un gran interese da xente por coñecer todo e gozar de todas as actividades posible, xa sexa en Muros ou en outras localidades.
-¿Que perfil de turista é o máis común no verán de Muros?
-Ata o momento era un perfil moi variado. Pero este ano produciuse unha diminución do turismo con amigos. No que vai de verán puidemos ver máis familias e persoas maiores que mozos.
-¿Que demandan máis nas súas vacacións?
-A xente achégase á oficina a preguntarnos sobre todo por locais onde atopar comida típica de aquí ou festas gastronómicas. Tamén aumentou o número de persoas que se animan a gozar das paisaxes desta localidade facendo rutas de sendeirismo. Ademais, nesta oficina non só ofrecemos información sobre Muros, senón que tamén facemos fincapé en outras zonas, como Fisterra, A Costa da Morte ou A Coruña, que son uns dos lugares máis demandados dende aquí.
-¿Cales son as actividades que máis xente acollen?
-As festas son un gran atractivo turístico. As carrilanas de Esteiro reciben cada ano un gran número de visitantes que pode chegar ás dúas mil persoas. As Festas do Carme e a Magdalena de Louro teñen moito tirón entre a xente.
David fernández martínez técnico de turismo muradán