A estrea de Abrapalabra conviviu coas novas do accidente de tren
26 jul 2013 . Actualizado a las 06:00 h.A cita da noite do mércores no castelo de Ribadavia chegaba cargada de expectación. A MIT ofrecía aos seus espectadores a estrea absoluta da nova montaxe de Abrapalabra: unha proposta dirixida por Cristina Domínguez sobre un texto de Cándido Pazó. Mais no camiño da montaxe As do peixe cruzouse un Alvia descontrolado que sementaba de morte Galicia. As novas eran confusas antes da representación da noite, coas terrazas da Praza Maior de Ribadavia ateigadas de persoas intercambiando informacións sobre o accidente e a televisión acreditando a estatística da traxedia: ¡30 mortos confirmados antes da hora de comezo da obra!.
A memoria das conserveiras
Susana Dans, Casilda Alfaro, Mónica Caamaño e Rocío González foron as encargadas de atraer ata o auditorio do castelo a memoria das «mulleres do peix » -«¿Do peix?», «Si antes dicíase así, pero iso era de hai tempo, antes de que ti entraras na fábrica»-. As miserias de toda unha vida de traballo -«con aquel cheiro a peixe que non había quen o sacara do corpo ¡non había auga nin xabón que o quitaran!, e a sosa, e o frío, e traballar de sol a sol...»-, as alegrías dos días de festa, os accidentes laborais, os abusos de poder, a deslocalización e as súas consecuencias e a desaparición dunha das actividades que durante anos mantivo a actividade económica da ría pasaron polo escenario do castelo de Ribadavia. Toda unha realidade, a das conserveiras e as mulleres das vilas mariñeiras, que marcaron a actividade industrial do pasado século con sinais de identidade propias: «mulleres e peixe ¡o máis barato que había!».
Unha comedia, a creada por Cándido Pazó, que levou o sorriso aos espectadores dun auditorio que rexistraba unha das mellores entradas do que vai de MIT. E entre sorriso e aplauso miradas furtivas aos móbiles para ver que estaba a pasar en Compostela, nunha traxedia que inzaba co paso dos minutos. E, xa coa luz acendida, todos preguntando polas malas novas.
No adro de San Domingos estiveron na madrugada do xoves os integrantes de Teatro do Mar. En «Agnoia», unha montaxe de rúa sen diálogo verbal, a proposta teatral viña motivada polo escenario: «un carrusel verdadeiro, metáfora da vida». A montaxe portuguesa ofrecida na MIT representouse por vez primeira en Galicia.