«O señor corpo quere xogar» é un libro para xogar cos máis novos
06 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Alicia Borrás compaxina a súa paixón pola escritura co seu traballo de actriz de dobraxe, profesión da que foi pioneira en Galicia, ademais de impartir clases de interpretación para nenos e adolescentes. A escritora viguesa estivo onte na Feira do Libro de Vigo presentando o seu último traballo, O señor corpo quere xogar, un libro dirixido aos máis pequenos.
-O seu anterior traballo, Nata y chocolate, trataba o tema do acoso escolar, ¿é o novo libro algo mais alegre?
-É que Nata y chocolate é para nenos xa de once anos. Este libro é para nenos pequenos. Para que os mestres e os pais xoguen con eles. Eu penso que é moi bo para as garderías, para os nenos moi pequeniños.
-¿É importante introducir na lectura aos nenos dende moi novos?
-Eu penso que si. Por iso temos a sorte de ter no libro as ilustracións de Rodrigo Chao, que son marabillosas. É moi importante que se introduzan na lectura dende moi pequenos, non só porque poidan ver aos pais lendo, se non porque o libro está presente ao seu lado e é marabilloso que poidan achegarse a el.
-¿Gústalle o contacto cos lectores nas presentacións?
-Moitísimo, a min gústame moito o contacto cos nenos. Penso que saberse poñer no seu lugar e xogar con eles é importantísimo para ser unha escritora infantil.
-¿A paixón pola escritura xa se lle ven dende nova?
-Dende nena. Eu penso que escribir é unha forma de expresar. A min gústame moito escribir, para min é un pracer. A ver cando cruzo a barreira e ao mellor me paso a escribir para adultos, pero de momento escribir para nenos faime moi feliz.
-¿Ler moito é importante para a profesión de escritor?
-Eu penso que ler é importantísimo. E observar todo o que pasa ao redor, ter os sentidos ben espertos para poder mirar e poder escoitar, pero a lectura é importantísima. E para escribir para nenos tamén é importante facerte un pouco nena, que a todos nos gusta a veces aínda que sexamos maiores.
-¿Como compaxina o seu traballo de escritora co de actriz de dobraxe e de profesora de interpretación?
- Sempre fun afortunada porque case todo o que fixen gustábame facelo. Encántame dobrar, facer teatro e dar clases cos nenos. Iso é o que fixen sempre. E despois fixen de actriz de televisión e audiovisual. A dobraxe encántame, iso de ser actor na sombra e por a voz é marabilloso. Poder facer voz de bruxa ou do que queiras é fantástico.
-¿Que outros proxectos ten en marcha?
-A segunda parte de Nata y chocolate está en proceso de edición. Cando facía as promocións do libro os nenos pedíronme que seguira porque lles gustou e querían outro. Despois de todo o que eles me deron pensei que era unha forma de agradecerlles todo o que fixeron por min. Cando ti escribes un libro con ilusión e con ganas os nenos son moi receptivos.
alicia borrás escritora