Xa hai que ter pulmón para tocar unha gaita sen fol. Non se trata deses instrumentos mecanizados ós que lle meten o aire cun compresor ou aquel que tiña un gaiteiro de preto de Fene, que cando ía vello argallou un mecanismo para inchar o fol co pé. Non, este é un rapaz estacionado nunha céntrica rúa comercial, coa gaita colgada do ombro, desinchada coma un pelexo sen alma, e co punteiro separado para tocalo a pulmón. E aí estaba, horas e horas rompendo o peito pola dádiva dalgún viandante. Que semellante é o paisano este á imaxe da economía que sufrimos.
A primeira vez que o oín sentinme atraído por unhas notas que lembraban á Carolina emanando dun recuncho da rúa, e ó acercarme vinlle os papos inchados e a cara vermella do esforzo. Vestía o traxe típico, tan engurrado e sen cor, que non se vía nel nada de repoludo gaiteiro nin de pano sedán que lucise baixo un sol de xustiza, suando, coa monteira esmoleira no chan, ocupada por catro cobres, máis deixados por alixeirar peso ca por gratificar a música ou o esforzo. Se este gaiteiro cobrase por consumo enerxético, pola soa potencia emanada do peito, sairía barata a tarifa eléctrica para compensalo.
Para os que non sabemos música, non estaba mal, recoñecíanse os ritmos, aínda que a tal Carolina, a dicir dun entendido, máis ca bailar choutaba. E un musicólogo que por alí viña, refreou o paso en chegando á súa altura e tras escoitalo un par de segundos, marchou dicindo, con toda a sapiencia dun eminente crítico, que sen fol as notas morren antes, fáltalles tempero. E seguramente sexa así, pero a min pareceume desculpa de mal pagador. E como carezo de tan sibarita oído, máis que oír vía o esforzo, e fose con mellor ou peor ritmo, o certo é que o músico, sen convencer, suaba cada nota tal lagoeiro en agosto.
Non sei se o pouco aprecio que os viandantes amosaban por el era culpa súa, dos oíntes ou de ambos. E é que en todo canto o rodeaba, fose o son, as esmolas ou os miróns, amosábase o pouco creto que ten o esforzo, o querer e non poder, que non hai cousa máis triste ca un gaiteiro sen fol. Era pois, un de tantos músicos pobres e resignados, pero tamén era a imaxe real dun país sen aire que vai sobrevivindo co que lle queda, a forza de rebentar o peito para relaxamento de desagradecidos.
E mirando a aquel esforzado, dáme por pensar que esta gaita é coma un banco de creto, que con fol parcheado deu lucidez e prestancia, pero agora, con el furado, é unha bancarrota que nos arrastra con estridencias sen ritmo, e todo canto se faga carece da vistosidade e prestancia que pode acadar un gaiteiro ben fardado e co instrumento enteiro.
Sen fol tamén estaba a construción, cando se fomentaba que cada cidadán tivese tres ou catro casas a pagar en tantos anos, e sen fol está a industria que non ten a quen lle vender coches nin chaponas de bebé; sen fol ata están os bares e os chiringuitos de praia, porque xa non se toman paellas con Albariño como antes de subir impostos e baixar salarios. E o peor é que o paisano que se pon fronte a tantos punteiros enganosos, nin cobres ten, aínda que queira, con que compensar ó esforzado punteireador para que o esforzado gaiteiro vaia saíndo adiante.