«Para competir precisamos ter moito máis volume»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

xavier zas director de condes de albarei

Condes de Albarei atópase nun bo momento. En plena época de crise, a adega segue a medrar. «Seguimos crecendo pola ampliación da superficie de viñedo dos nosos socios. E estamos ampliando a través da incorporación dos novos socios. Con este incremento de produción estamos planificando a terceira gran fase das obras na adega», explica o seu director, Xavier Zas.

-Falar de ampliacións en época de crise parece delito.

-Rías Baixas está moi atomizada. Nós somos unha peza importante na denominación pero para competir precisamos ter moito máis volume. Non podemos xogar á defensiva temos que seguir dimensionando a adega.

-Non parece que a crise estea a afectar moito á denominación.

-O tema da crise é algo conxuntural e en proxectos empresariais pensamos a longo prazo. Esta denominación é das que abandeira o crecemento e a calidade e a internacionalización. A consecuencia diso son os bos números que se presentan.

-¿A crise fixo que as adegas apostaran pola exportación?

-Hai mercados que temos moi controlados, como Estados Unidos, Alemaña ou Francia. Un grupo pequeno de países supón o 75 % da exportación, pero nos estamos introducindo noutros países con traballo e está empezando a dar os seus froitos. Nos países do Bric a nosa presenza é testimonial, pero en calquera momento despegan e se non estamos aí o van facer outras denominacións.

-¿Está superado o susto das colleitas do 2010 e 2011?

-Totalmente. Se falamos en ciclos de tres ou cinco anos estamos falando dunha media de vinte millóns de quilos. En aquel ano houbo sobreprodución. E houbo un colectivo de pequenos viticultores moi preocupado. As adegas enchemos ata o último depósito e todas botamos contas de canto tiñamos que medrar para non ter problemas de comercialización ou capacidade Pero non foi para tanto. O dinamismo de Rías Baixas axudou a regular. E tamén a natureza.

-¿Como vai a colleita deste ano?

-O que nos din é que está moi desigual. Teremos que esperar dúas semanas para facer unha estimación de colleita. Probablemente sexa moi similar á ultima. Estabamos alarmados polo mal tempo, pero agora vese que non foi para tanto.

-¿E as ventas?

-Comercialmente en España hai unha ralentización. Houbo seis meses que foron moi preocupantes, derivados da suba do IVE e da supresión da paga dos funcionarios. Pero a partir de maio estase a observar máis dinamismo. Notamos que se está a recuperar a actividade.

«Non podemos xogar á defensiva, temos que seguir dimensionando as adegas»