Un crítico de arte noiés

PASTOR RODRÍGUEZ

FIRMAS

Profesor de ensino medio, Xoán X. Mariño Reino é un especialista no gran escultor José Ferreiro, a quen dedicou en 1991 a monografía O escultor Ferreiro, ademais do ensaio Xosé Ferreiro: vida e obra, publicado en Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza en 2005. Tamén outras figuras da arte noiesa mereceron a súa atención, ás que dedicou traballos como En torno ás orixes de Felipe de Castro (2003), Diego de Sande (2004), Felipe de Castro no seu III centenario (2005), ou Felipe de Castro, o escultor da Ilustración (2006). Outro dos seus labores importantes é o estudo de todos os aspectos artísticos das vilas de Noia e Muros, que deu lugar a traballos como Os muíños de Outes (2007), Prata americana para San Martiño (2007), O retábulo de San Cosme cumpre 250 anos (2009), ou Motivos xacobeos na heráldica noiesa (2010); pero destacan sobre todo os volumes dedicados a inventariar todo o patrimonio artístico de Outes, tanto de orixe popular coma de orixe culta. Colaborador de revistas coma o anuario Barbantia, Compostellanum, Alameda e Terra de Outes, a súa obra caracterízase polo rigor intelectual e pola constancia, méritos que lle foron recoñecidos co Premio Barbantia 2012. Cultiva asemade a pintura, quizais a súa actividade menos coñecida, dedicando tamén o seu interese á Asociación Cultural Terra de Outes, para dinamizar a vida cultural dese municipio.