Santiago Veloso advirte sobre a perda na presencia do galego entre os escolares
24 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O recuncho de Santiago Veloso tiña que ter maxia. O profesor, o apaixonado da comunicación, da música, da cultura e da educación, tiña que ter un lugar propio, no que tocar á vez a terra e o ceo para nutrir ese espírito inquedo que enfeitiza as ondas.
Son as do Castro da Pedra Moura, en Gondomar, as que arrolan ao presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte? nas Ondas! na procura do seu recuncho.
Sente non ter herdado o don do pai sobre a música, don que recaeu directamente sobre as súas fillas, Aine e Elia. Pero o mesmo que asegura ser un «melómano absoluto e un músico frustrado» leva a batuta das ondas da radio escolar en tres dos cinco continentes, hai vinte anos. Coa mesma, suma outros 30 de educador, agora no IES Terra de Turonio como profesor de Lingua e Literatura Galega, e percorreu os primeiros cincuenta anos da súa vida como alumno e mestre. O binomio que permite identificarse: «Síntome educador».
«O Castro da Pedra Moura é un lugar cunha gran pegada mítica, forma parte do imaxinario galego-portugués», afirma. Nas razóns, remóntase a esa unión coa terra que parece mollar todo o seu. «Os penedos acollían a unha moura con poderes sobrenaturais, con lendas dende hai miles de anos ata hoxe», explica. «Ten que ver co que nós defendemos, que este territorio foi habitado dende a Prehistoria, polo que hai unha simbiose coa natureza moi grande», relata.
Foi habilitado de galego no colexio de Santiago de Oliveira, en Ponteareas, diso hai 30 anos. Eran os primeiros profesores de galego cando se implantou a materia no currículo. Santi Veloso considera que, neste tempo, «o sistema educativo cambiou moitas cousas para mellor e outras non tanto». «Levamos 30 anos ensinando lingua e literatura galega e resulta que hai un terzo menos de alumnos galegofalantes; houbo un retroceso e non é que perdan só a lingua, senón tamén a cultura», advirte.
Santiago Veloso pensa que a profesión tamén é agora máis difícil. «Porque a evolución da sociedade é meteórica e o profesor debe renovarse e actualizarse constantemente; os alumnos teñen máis recursos e o profesor xa non é o único depositario do saber», defende.
Ponte? nas ondas!, arrancou en 1995 tendo como punto de partida as radios escolares na comarca do Condado e o Alto Minho. A inauguración da ponte entre Salvaterra e Monçao foi o pretexto para realizar un diálogo necesario entre Galicia e Portugal no ámbito educativo. «Síntome orgulloso por ter levado o noso patrimonio común á sede da Unesco, o patrimonio que xeración tras xeración foron mantendo vivo persoas e comunidades desde o seu anonimato», recoñece. Hai unha materia pendente: «Que as institucións responsables completen o traballo realizado por Ponte? nas ondas! e inscriban o patrimonio oral galego-portugués na Lista Representativa da Unesco». Continúa con proxectos como a lista de tesouros vivos da Guarda, a primeira de Galicia.
CIUDADANOS EN SU RINCÓN SANTIAGO VELOSO TRONCOSO PROFESOR