Formouse na materia mediante libros e a través de Internet
19 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Quen, algunha vez na súa vida, non sostivo entre as mans un folio ata convertelo nun barquiño de papel, un avión ou, xa os menos, nunha paxariña. Andrés Vidal é unha desas persoas. O que ocorre é que a relación deste ribeirense coa papiroflexia estreitouse tanto que se converteu na súa gran afección. Leva xa trece anos elaborando todo tipo de obxectos, fundamentalmente animais. Ao longo deste mes, aproveitando a celebración do Xuño da Cultura e as Artes, amosa cada fin de semana as súas creacións no bar Brétema. A exposición ten lugar os sábados ao mediodía.
-¿Como foron os seus comezos no mundo da papiroflexia?
-Empecei alá polo 2000, como case todo o mundo, facendo paxariñas. Así estiven un ano enteiro. Logo, atopei distintos libros sobre a materia e, pouco a pouco, fun elaborando outras pezas.
-¿É entón un autodidacta na materia?
-Si, a verdade é que tampouco hai moita xente á que recorrer por aquí. É unha afección con poucos seguidores. No meu caso, formeime sobre todo mediante libros e tamén baixando planos de Internet.
-¿Pensa que calquera pode chegar a converter unha folla de papel nun animal, por exemplo?
-Si, ao principio é complicado, claro está, pero despois todo é coller práctica. A papiroflexia require unha gran dose de paciencia.
-No seu caso, ¿cal foi a peza á que máis lle custou darlle forma?
-Penso que unha bruxa. Tiven incluso que tentar facela varias veces, pois ao principio era incapaz. Ás veces, é complicado interpretar os planos e atoparlle o xeito aos pasos a seguir.
-Na súa colección hai un número importante de animais...
-Si, é a miña temática preferida. Na casa teño unhas corenta obras e boa parte delas son precisamente animais, é o que máis me gusta.
-¿Hai algunha peza que lle gustaría facer e, polo de agora, non foi capaz?
-Hai varias pezas que me gustaría facer, o que pasa é que, como case todas as afeccións, isto vai por temporadas. Ás veces dedícolle un montón de tempo e, outras, téñoa totalmente abandonada. Gustaríame facer un dragón de tres cabezas pero, de momento, non fun capaz e iso que o tentei varias veces.
-¿Cal é a obra máis grande que logrou elaborar?
-Pois nunha ocasión, hai uns cinco anos, fixen unha grulla enorme, tanto que foi empregada polos integrantes dunha peña dorneira para participar no voo se motor.
-¿Como se animou a expoñer os seus traballos no Brétema?
-Foron os membros da asociación Na Brétema os que me propuxeron participar no Xuño da Cultura con esta exposición e animeime.
-¿Fixo algunha creación especial para a ocasión?
-Quería facer os personaxes dos Cartoons, pero ao final só me deu tempo a elaborar dous. Quizais para o ano complete a colección.
ANDRÉS VIDAL afeccionado á papiroflexia