O cómico ofrecerá este sábado en Carballo a penúltima función da xira do espectáculo «No umbral da estupidez»
13 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A relixión, os atascos, esas servilletas tan finas dos bares que non serven para nada ou mesmo o tratado co que España e Portugal se repartiron América. Nada escapa á ácida análise do último espectáculo do cómico Rober Bodegas (Carballo, 1982), No umbral da estupidez, co que este sábado regresará a súa localidade natal (Pazo da Cultura, 21.00, de 8 a 10 euros).
-¿Que vai atopar o público neste espectáculo?
-Un humor un pouco máis acedo e salvaxe do habitual. Outras veces falaba de cousas alleas ás persoas, pero agora falo de como nos comportamos e por iso hai que ter a capacidade para rirse de ti mesmo, porque todo está orientado a eses momentos en que como especie fracasamos, nos que non somos os máis intelixentes do mundo animal; de como actuamos nos atascos, na mesa, ante a morte...
-¿De que lado dese umbral do que fala o título estariamos?
-O título é Rober Bodegas no umbral da estupidez así que eu mesmo me sitúo xa no límite ou a piques de caer, así que cada un, segundo o que vaia contando é o que ten que facer balance e situarse na parte dos listos ou dos parvos.
-¿Hai alguén que se teña ofendido por algo do que conta?
-De momento non porque quen o vén a ver é xente á que lle gusta o humor e entende que hai que rirse tamén dun mesmo.
-¿Cal é a orixe destes comportamentos?
-Son como vicios, como por exemplo pitar nos atascos. É algo que non sabes porque o fas pero falo aínda que non solucionas nada e con ilo molestas aos demais.
-¿Desde que comezou co espectáculo incorporou temas novos?
-Máis que incorporar restei porque aínda que pareza mentira, despois de once anos nisto aínda non sei pasar o papel a minutos e teño material de máis.
-¿Que supón actuar en Carballo?
-Será especial porque actuarei diante de xente que coñeces e iso supón máis responsabilidade. En outros sitios pensas ?se non lle mola polo menos vou tardar un ano en volver? [ri].
rober bodegas monologuista