César Carnero: «As pinturas de Castinande están aínda sen catalogar»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

FIRMAS

OSCAR CELA

Carnero dará o venres unha conferencia en Pantón sobre a obra do artista soberino do século XIX

11 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O delegado de patrimonio histórico da diócese lucense, César Carnero, falará o venres na casa consistorial de Pantón -ás 19 horas- sobre a obra do pintor soberino Juan Bernardo Pérez de Castinande, un dos máis reputados artistas galegos do século XIX.

-¿Cantas obras de Castinande se conservan hoxe?

-É difícil de saber porque as súas pinturas están aínda sen catalogar, pero está claro que foi un artista moi prolífico. Hai moitos traballos seus espallados por pazos e igrexas de toda Galicia e é fácil que haxa outros sen identificar. En conxunto é unha obra numerosa, non se reduce a unhas poucas cousas conservadas aquí e alá. A parte máis importante que se coñece está na Ribeira Sacra, que é tamén onde máis se conserva a súa memoria. No seu tempo foi un artista con bastante sona en toda Galicia, pero despois foi esquecido e hoxe só é recordado na súa terra natal.

-¿Que se pode dicir sobre o seu valor artístico?

-Desde logo non é Goya nin chega tampouco á altura dalgún pintor importante que traballou nesa época en Galicia, como Dionisio Fierros. Pero foi un artista notable, cunha produción moi ampla e variada que merece aprezo e que debe conservarse. A súa formación foi seguramente autodidacta e súa obra está inserta na corrente neoclásica, con algún resabio barroco. O seu estilo é de corte académico, moi influído polas liñas que establecía entón a Real Academia de San Fernando. Penso que no que máis destacou foi na decoración de pazos. As pinturas sobre o Quijote que fixo no pazo dos marqueses de Bóveda están entre o mellor da súa obra.

-Non hai moitas cousas publicadas sobre el.

-Non, só hai algúns artigos e traballos de pouca extensión, un deles redactado por min, pero non se fixo ningún estudo sistemático. Non obstante, ten suficiente importancia como para merecer que se lle dedique unha publicación máis extensa, ou unha tese de doutoramento.

-Ás veces fálase dos pintores de Castinande, non dun só.

-Si, porque tamén houbo outro pintor chamado Manuel Pérez de Castinande, que seguramente era seu irmán. Tiñan un obradoiro en Monforte e movíanse por Galicia facendo encargos. Nese sentido, Castinande é un artista atípico para a súa época, porque os obradoiros itinerantes son algo máis propio de períodos moi anteriores, como o século XVI. Ademais dos Castinande, en Monforte houbo outro pintor notable no século XIX, chamado José Casanova Cortiñas, que é menos coñecido. Neses tempos había na comarca unha actividade artística importante, ligada sobre todo á fidalguía pacega, pero desapareceu coa decadencia dos pazos.

césar carnero delegado de patrimonio histórico da diócese