Coas interferencias propias de zonas con escasa ou nula cobertura, o humorista galego Xosé Antonio Touriñán atende a chamada telefónica con motivo da súa presenza, mañá xunto a José Manuel Rodríguez, máis coñecido como Isi, na gala de Monólogos R que se ofrecerá no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, a partir das 20.30 horas.
-¿Formara xa esta ?parella de feito? con Isi outras veces?
-Temos actuado en galas xuntos, nunca revoltos. E temos compartido programas como Tourilandia ou LandRober.
-E A Mariña, ¿veu máis veces?
-Si, estivera con Mucha e Nucha no festival de Roberto Vilar dúas veces. Pero as primeiras veces que fun á Mariña foi xogando ao balonmán co equipo de Culleredo, contra o Viveiro. Hai que dicir que daquela eramos mellores. Despois, xa máis grandes, unhas veces gañabamos nós, outras os outros.
-¿Segue a facer deporte?
-Agora non practico nada. Hai 10 anos que deixei o balonmán, o fútbol... Cada minuto libre era para facer deporte. Cos anos...
-Bueno, agora o mellor deporte que podemos facer é rir.
-Pois creo que se hai un momento no que fai falta a risa e o entretemento é este. Con toda a que está caendo é para chorar, por iso media hora de risa na que te esqueces do resto dos problemas é marabilloso. O Sergas debería receitar a risoterapia.
-¿Que amosará en Viveiro?
-Vai Touriñán, pero vai levar un dos seus personaxes, que creei fai 6 ou 7 anos e fixen moitos bares e monólogos con el, Manolo Lojo. Era pesimista, en realidade xa vivía na crise.
-Por certo, ¿como leva o ano?
-Non me podo queixar de nada. Teño un anxo da garda que me protexe. Choio teño.