Para nós xa sodes unhas campioas

Juanma Marrube

FIRMAS

Imaxino o que pode sentir unha xogadora cando esta mañana se levante e pase pola súa mente o que pode acadar, o que significa ser campioas; esa mestura de gañas, motivación, tranquilidade, respecto e responsabilidade ante o reto que se lles presenta. Todas esas sensacións só hai unha forma capaz de sacialas: a competición á hora do partido.

Oito da tarde, todo comenza. Vista Alegre volve a ofrecernos unha gran cita co fútbol sala. Hoxe este equipo ten a posibilidade de proclamarse campión de Liga, campión da máxima categoría nacional. ¿Que máis se necesita? É algo máis ca un partido

Despois de dez meses de liga, tendes ante vós corenta minutos para facer historia, non xogades un partido, xogades unha final. No voso interior sabedes todo o que pode ocorrer, todas as posibilidades que pode presentar un encontro destas características: rival, factor mental, presión..., pero tedes o máis importante, unha afición envorcada en vós, envorcada con tod@s nós. Centenares de olladas e esperanzas pedíndovos que este título se quede en Burela.

Recordade, dependedes de vós e iso no deporte vale moito. Non hai que esperar, gañar significa ser campioas.

Dez da noite, todo remata. Pase o que pase, para nós xa sodes campioas.

Juanma Marrube é o capitán da escadra masculina do Burela-Pescados Rubén