«Algunhas veces a consulta parece un combate de boxeo»

mar gil OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

Menéndez pide humildade para aceptar as decisións do paciente

09 may 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Carlos Menéndez Villalva, médico de familia no centro de saúde de Mariñamansa, pronunciará hoxe unha conferencia dentro dos actos da X Feira da Saúde. Será no Centro de desenvolvemento de Novacaixagalicia, ás 19.30. Leva por título «A hipertensión. Vostede é o experto».

-O título é chamativo.

-O título vén porque preconizamos o que chamamos entrevista ou consulta centrada no paciente. Ata agora estaba centrada no médico: ti vas ó médico e el diche o que hai que facer; esa abordaxe ten unha eficacia de só o 20%. Hoxe a poboación está na rede e preconízase tomar decisións compartidas.

-¿Perderá o médico o seu protagonismo?

-A consulta co médico é un encontro entre dous expertos: o médico pode ser algo experto en saúde pero o paciente é experto na súa vida. En base a ese encontro hai que tomar decisións compartidas.

-¿Como se concreta ese estilo?

-No caso da hipertensión arterial, por exemplo, temos datos de incumprimento do tratamento bastante escandalosos, case o 50% non o cumpren. Os sanitarios temos que entoar o mea culpa porque facemos unha abordaxe moi directiva, moi paternalista. O paciente di «vas ó médico e sácache todo»; parece que cada un defende unha parte, algunhas veces a consulta parece un combate de boxeo e, se podes bailar co paciente, para que vas pelexar con el? Un día hai que dar un paso a favor do paciente e outro? É a estratexia máis eficaz, con máis resultados, diso hai bibliografía suficiente..

-¿Hai camiño avanzado?

-O cambio debe partir do sanitario, falta sentido da humildade por parte do médico e da enfermeiría; hai que aceptar as decisións do paciente, non rifarlle, porque o medo ten eficacia escasa e só a curto prazo. En problemas a longo prazo, como a hipertensión, o único que fai é que o paciente non volva pola consulta, porque lle rifan ou porque ten vergoña de non obter os resultados que lle piden, ou que volva e minta.

-A OMS dedicou o día mundial da saúde á hipertensión. ¿Cal é a súa incidencia en Ourense?

-É o problema de saúde máis frecuente, o 20% da poboación é hipertensa e en persoas de máis de 80 anos case chega ó 40%. Agora temos moitas máis armas terapéuticas, moitos fármacos moi eficaces que diminúen a mortalidade e os problemas cardiovasculares e os ictus. Tamén temos moitos máis medios diagnósticos. Melloramos moito en fármacos e en medios diagnosticos pero todo iso non se traduce ós pacientes porque non explicamos ben o beneficio de baixar a tensión.

-¿Existe certa obsesión coa tensión alta?

-A hipertensión arterial non é unha enfermidade, non podemos neurotizar á xente; é un factor de risco, como conducir a 200 por hora. O paciente tense que facer experto, neste caso, na hipertensión: ten que aprender a tomala, ten que saber cal é o seu risco cardiovascular porque non é mirar só a tensión, hai que mirar a tensión, o consumo de tabaco, a idade?, en definitiva, facerse experto no factor de risco para tomar decisións compartidas que sexan o mellor para o paciente e para o médico.

-¿Mantén a liña investigadora no seu centro?

-Estamos nunha liña de investigación onde observamos, en pacientes seguidos durante 9 anos, que os que teñen pouca rede social teñen máis mortalidade e máis eventos cardiovasculares. Por iso están ben iniciativas como a Feira da Sáude porque o que fan é aumentar a rede social dos pacientes. Quen máis enseña a un hipertenso é outro hipertenso, quen máis axuda a un rapaz é outro rapaz. Os factores psicosociais inflúen moito na calidade de vida.

carlos menéndez villalva médico