Di Moncho que a el, coa música, pásalle o contrario ca coa pintura, canto máis antiga menos lle gusta. Xulio pensa que non é que non lle guste, senón que non a entende, e Pepe pregunta se, cando miramos unha flor, a máis perfecta escultura da natureza, temos que entendela ou gustar dela.
Toda a discusión empezou vindo de madrugada pola serra da Faladoira, cando de súpeto, unha emisora que ata aquela non encontraba camiño para as ondas, coincidiu entre os montes de Muras co punto do dial e deixou escoitar uns acordes de violín. E de súpeto, todos, que ata aquela viñamos medio durmidos, como se estivésemos diante da carta dun restaurante, empezamos a pedir esta ou aqueloutra emisora, sen ter en conta que a radio dun coche cheo de interferencias non é o mellor lugar para escoitar música.
Acordeime naquel intre dun amigo dos quince anos, a quen acompañara a mercar un ?single? de Juan Pardo titulado My Guitar, porque aínda que había a versión orixinal en español, a inglesa fardaba máis nos guateques onde el oficiaba de pinchadiscos, a pesar de que ningún de nós sabía papa de inglés. E de súpeto, esa noite no coche, inocente de min, empecei a entender as moitas maneiras de ver, escoitar ou ler unha obra de arte, e a diferenciar entre gustar, entreter, atordar ou comprender. Estou tentado de poñer un exemplo de cada termo, pero temo quedar mal e perder amigos.
Di un dos personaxes do Ulises de Joyce que a arte ten que revelarnos ideas, esencias espirituais sen forma, e di Xulio que se non alcanzamos a profundidade da obra, ó menos disfrutemos da estética. Porque, como é sabido, para ler, primeiro hai que coñecer as letras.
Tamén na última exposición que fun ver, había unhas pezas moi traballadas, cunhas formas xeométricas que semellaban imposibles de trazar, e imposibles asemade de encaixar, fermosas pezas de elegantes trazos, destreza técnica e verdadeiro cálculo matemático ata acadar unha aparente simplicidade. Quedei fronte a ela coma quen queda diante dunha flor, na que te marabillan a harmonía das formas e a sinxeleza con que se tinxe de cor e xoga coa luz, aínda que da súa fermosura non se desprenda, a priori, ningunha mensaxe filosófica. Sen embargo, ó meu lado había un tipo que lle dicía ó seu compañeiro que non lle gustaba porque non a entendía. (Eu tampouco entendo á miña amante, e non vos imaxinades canto me gusta).
Creo que ás veces queremos entender demasiado, e como di un coñecido artista coruñés, na arte moderna non só é a composición e o debuxo, ás veces hai que ler a cartela, outras hai que escoitar a opinión do creador e moitas veces saber que lle pasou, se estivo enfermo, namorado ou papou unha molladura para entender por que fixo o que fixo. Á fin, un cadro é a expresión dun sentimento que podes non entender nin compartir; pero outras, o cadro só é unha combinación de cores que nos engaiolan.
Agora mesmo, onde estou, chove, e gústame ver como repenica a chuvia na fiestra, sen poñerme a analizar as distintas causas físicas que inflúen para que chova ou para que repenique; como me gusta ver o mar ou o lume da lareira, sen por iso ter que analizar os procesos que o avivan. Pero só a súa visión transmíteme un emocionante estado de ánimo. Será que ás veces non sabemos poñerlle palabras ó que nos emociona, pero sentímolas.